Centos de persoas celebran na Estrada a romaría dos Milagres de Requián
Moitos devotos peregrinan a pé ata a parroquia de Frades
A pequena ermida dos Milagres de Requián, na parroquia estradense de Frades, celebra estes días unha das romarías máis populares na zona. Centos de devotos achéganse dos concellos limítrofes a cumprir as tradicións relixiosas, moitos deles a pé, camiñando unhas cantas horas.
A partir do mediodía, houbo ata atascos de coches nos accesos á romaría dos Milagres de Requián para asistir á misa solemne e á procesión da Virxe da Piedade.
Desde a pandemia, as misas ofícianse nunha carpa lindeira á ermida, onde se suceden as ringleiras de devotos que queren achegar un donativo e levar unha estampiña tocada polo manto da Virxe. Unha festa moi tradicional en que o toque de campás aínda se fai á man.
Destas horas, a maior parte dos asistentes, tras cumprir coa devoción e escoitar a banda de música, dan boa conta dunha tapa de polbo ou de churrasco como mandan as boas tradicións. Ademais, o tempo que ameazaba chuvia, finalmente foi benévolo cos romeiros.
Xa desde primeira hora, tendo en conta que a primeira misa foi ás 8, moreas de devotos subían á ermida camiñando, para algúns un paseo de ata 4 horas.
As magníficas sobreiras que acubillan a ermida de Requián acollen durante tres días misas, polbeiras e orquestras nunha das romarías máis populares da comarca.