Celebrouse en Santiago a primeira feira gastronómica de produtos para celíacos
Celebrouse en Santiago a primeira feira gastronómica de produtos para celíacos
O sobrecusto da cesta da compra con produtos sen glute supón uns 750 euros anuais
En Galicia hai arredor de 3 mil persoas diagnosticadas con celiaquía
Dezaseis empresas do sector alimentario, tanto grandes supermercados coma pequenas tendas artesanais, participaron na primeira feira gastronómica de produtos para persoas celíacas.
“Foi algo que fomos incorporando a medida que foi medrando a demanda”, explica Silvina Muñoz, responsable de Algareira, tenda especializada en repostería artesanal apta para celíacos.
“Decidimos facer produtos que os poida comer todo o mundo”, asegura Silvia Garriga, responsable de Nela Gourmet.
"Aumentou moito a oferta de produtos sen glute, queda moito camiño por andar no tema de etiquetado e de prezos, pero avanzamos moito no que é a variedade", asegura Gloria Bernárdez, presidenta da Asociación de Celíacos de Galicia.
Esta oferta cada vez máis ampla de produtos aptos para celíacos fixo que foran reducindo o seu prezo nos últimos anos. Aínda así, o custo de máis na cesta da compra supón arredor duns 750 euros anuais.
“Mellor non facemos contas, nós temos un neno en crecemento, a verdade é que si debería terse en conta a economía das familias”, asegura a nai dun adolescente celíaco que acudiu á feira.
Por iso, a Asociación Galega de Celíacos reclama que deixen de considerarse produtos dietéticos e se lles rebaixe o IVE.
"Estamos falando de que a enfermidade celíaca é unha enfermidade crónica e o que non podemos é pagar o IVE dun produto dietético. A nosa alimentación é a nosa medicina, non temos outro tratamento, é unha dieta sen glute de por vida”, explica Gloria Bernárdez.
En Galicia hai arredor de 3 mil persoas con celiaquía, pero tendo en conta que un 80 por cento dos casos están sen diagnosticar, a cifra real podería superar as 27 mil.