Publicador de contidos

Publicador de contidos

Catro meses sen rastro da luguesa Isaura Vázquez

Catro meses sen rastro da luguesa Isaura Vázquez

A familia da octoxenaria desaparecida non perde a esperanza de dar co seu paradoiro

Cartel cunha fotografía de Isaura
Félix Aragunde 10/11/2025 19:30

Isaura Vázquez, de 85 anos, desapareceu en Lugo o pasado 8 de xullo, hai xa máis de catro meses. Fora vista por última vez na contorna da avenida da Coruña, onde incluso fora captada polas cámaras de seguridade dalgún negocio. Pero dende entón, non se soubo máis nada dela, malia os esforzos por atopala tanto por parte da súa familia como por parte das forzas de seguridade e da cidadanía luguesa.

Nas últimas semanas, os cans da policía especializados en localizar restos humanos volveron rastrexar as aforas da cidade, pero o paradoiro da octoxenaria segue a ser un misterio.

"Mirouse varias veces con cans na zona de Meilán, das Saamasas, dos paseos do Miño e do Rato e nos arredores todos da cidade, achegándose aos sitios onde puido estar ela. Dende aquel día que saíu da froitería  non se sabe nada dela. Ninguén a viu e as cámaras non puideron detectala nin nas estradas nin nos polígonos. Nada, non se viu por ningunha delas", sinala Francisco López Vázquez, fillo da desaparecida. 

A familia de Isaura fixera un chamamento para que os donos das parcelas sen edificar limpasen a maleza, algo que en gran medida tivo efecto en moitos dos soares que agora están rozados. Ademais, os parentes contaron en todo momento co apoio da veciñanza para axudar a dar coa muller desaparecida.

"Fixeramos un chamamento para que todas aquelas persoas que tivesen un terreo ou un chalé pechado que polo menos o visitasen. E volvemos facer un chamamento para o revisen ben, agradecéndolle a toda esta xente que nos está a axudar", engade Francisco. 

Dun metro corenta de estatura e de 40 quilos de peso, Isaura padece Alzheimer e precisa medicarse para a diabetes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade