Publicador de contidos

Publicador de contidos

Catro drons incorpóranse ao parque de bombeiros de Ourense

Catro drons incorpóranse ao parque de bombeiros de Ourense

É o primeiro de Galicia en adoptar de forma sistemática estas ferramentas

Os drons son especialmente útiles na busca de persoas desaparecidas e nos incendios forestais, pero tamén para velar pola seguridade dos bombeiros

G24.gal 07/04/2026 14:02

A busca do mozo desaparecido no encoro dos Peares, cando navegaba en caiac co seu curmán, foi a estrea do dron con cámara térmica dos bombeiros de Ourense.

Diego Lale, responsable do equipo de drons: "A zona onde nos dixeron que podía estar desaparecido, en cuestión de cinco ou dez minutos tiñamos rastreados os laterais, o centro do río, e tiñamos claro que non estaba agarrado a unha ribeira nesa zona".

O sinal da cámara térmica non chega a augas profundas, pero si permite facer seguimentos en superficie, como comprobaron nesta práctica no río Miño. Tamén é útil para localizar posibles vítimas nun incendio.

Iván López, bombeiro de Ourense: "Probamos aquí, nas cocheiras, unha vítima escondida. Os bombeiros entraban coma nun incendio real, sen visibilidade, e era o dron o que dirixía".

O de cámara térmica é o máis sofisticado, pero teñen outros modelos. Un deles permite trazar un plan de voo, para que o dron subministre información útil sen necesidade de que alguén o estea pilotando.

Outro é específico para interiores. Un dispositivo de seguridade preventiva, por exemplo, á hora de entrar nunha nave incendiada.

"Se che están dicindo que hai algún perigo dentro e ti non tes moi claro o que pasa, poderías ir por dentro e ver o que hai, sen arriscar un operario", explica Lale.

A perspectiva cenital é especialmente útil no caso dos incendios forestais, xa que ofrece un radio de máis de medio quilómetro á redonda.

"Coñecemos ben a cidade, as rúas, pero o monte nunca sabes onde está a arder, hai moitos camiños estreitos, nunca sabes exactamente onde estás", sinala o responsable do equipo.

Un terzo dos bombeiros do parque de Ourense recibiron xa formación para empregar os drons.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade