Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falece a muller de 72 anos atropelada por un camión guindastre en Ourense

Falece a muller de 72 anos atropelada por un camión guindastre en Ourense

Foi un dos catro atropelos que se rexistraron en Galicia na mañá deste xoves, que deixaron outros catro feridos

Un guindastre atropela unha muller no centro de Ourense
G24.gal 05/10/2023 12:35 Última actualización 05/10/2023 19:22

A muller de 72 anos que foi atropelada por un guindastre a primeira hora da mañá deste xoves no centro da cidade de Ourense faleceu no CHUO, onde foi trasladada en ambulancia en estado grave.

A morte da muller foi confirmada polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a través dunha mensaxe na súa conta na rede social X en que manifestou as condolencias do Goberno local aos familiares da vítima.

O atropelo produciuse ás 08:30 horas na intersección da rúa Coruña coa rúa Pena Trevinca da cidade ourensá, onde un guindastre virou á dereita e levou por diante a muller cando cruzaba por un paso de peóns regulado por semáforos, segundo trasladou a Policía Local de Ourense.

A vítima foi trasladada en ambulancia en estado grave ao CHUO, onde faleceu horas despois. Pola súa banda, o condutor do guindastre, que transportaba un vehículo nese momento, deu negativo nas probas de alcol e drogas ás que foi sometido.

A Policía Local abriu unha investigación para determinar as causas do accidente, que obrigou a cortar o tráfico na zona durante hora e media. A circulación quedou restablecida arredor das 10:00 horas.

Trátase da terceira vítima mortal por atropelo no que vai de semana en Galicia, despois do dunha muller en Outes e do dun home de 59 anos en Santiago. Esta última, rexistrada na madrugada do martes, investígase como un posible caso de asasinato ou homicido ante os indicios que apuntan a unha intencionalidade nos feitos.

Ademais do de Ourense, este mesmo xoves rexistráronse outros tres atropelos de peóns en Galicia, que acumula no últimos tres unha decena deste tipo de incidentes nas súas estradas.

Unha muller de 78 anos tivo que ser evacuada en ambulancia ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo despois de ser alcanzada por unha furgoneta no porto de Cangas. O atropelo produciuse ás 08:15 horas da mañá na estrada PO-551, O propio condutor deu a voz de aviso á central de emerxencias, que trasladou a alarma a Urxencia Sanitarias 061. 

Tamén na mañá deste xoves un condutor que proseguiu a marcha alcanzou co seu vehículo a unha avoa e a súa neta na rúa da Martagona na confluencia coa rúa Cuba do municipio coruñés de Melide.

As dúas vítimas foron trasladadas a un centro de saúde para someterse a un recoñecemento. A nena atópase en bo estado e a muller ten lesións nun xeonllo. As forzas da orde tratan de dar co paradoiro do condutor, que non se detivo para atender ás vítimas.

Outro atropelo produciuse ao redor das 07:30 horas no concello coruñés de Touro, onde un home sufriu un golpe nun brazo ao ser alcanzado por un vehículo na estrada AC-960. Tras recibir o aviso, unha dotación de Urxencias Sanitarias 061 mobilizouse ata o lugar para atender ao ferido, que foi trasladado ao hospital da Rosaleda, en Santiago.

O pasado martes morreron dúas persoas ao ser alcanzadas por vehículos en Santiago e Outes, nunha xornada en que se produciron outros catro episodios similares en Sanxenxo, Ourense, Xinzo e A Coruña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade