Publicador de contidos

Publicador de contidos

Catro anos sen acometidas de auga nunha aldea de Palas debido ás obras da autovía A-54

Catro anos sen acometidas de auga nunha aldea de Palas debido ás obras da autovía A-54

Unha das familias afectadas tivo que reducir o número de cabezas de gando

Félix Aragunde 26/09/2022 13:58

As escavacións da autovía entre Lugo e Santiago, no tramo entre Palas e Melide, cortaron hai catro anos as conducións dos mananciais que abastecían a aldea do Vilar, na parroquia palense de Remonde.

Segundo aseguran os afectados, dende un primeiro momento a empresa que acomete os traballos indicoulles que a traída ía ser restituída, pero a día de hoxe seguen a valerse unicamente dos seus pozos, que resultan insuficientes e poden secar en calquera momento.

Jesús Costa, afectado polas obras: "Eu teño dous puntos de auga, marcados no plano anterior ás obras. Aquí fixeron un corte de 30 metros para abaixo e isto quedou todo seco de auga, que vai pola cuneta da autovía. E os veciños, sen auga".

Manolo de Carreira, voceiro dos veciños: "A acometida que tiñamos a 50 metros da obra xa secou. O fluxo de auga que temos no fondo da aldea baixou moitísimo, e estamos temendo que os pozos sequen. Ao cortar o acuífero, non se alimentan".

Ante a posibilidade de quedar sen subministración ningunha, os afectados reclaman que se repoñan as conducións canto antes. Os veciños máis prexudicados, que teñen unha explotación de carne, mesmo tiveron que reducir case á metade o número de cabezas de gando.

Jesús Costa, afectado polas obras: "Agora chegou un momento en que ou me dan auga ou vou ter que vender o gando".

Manolo de Carreira, voceiro dos veciños: "O que nos di Fomento é que non pode expropiar para captarnos a auga, que era o que pediamos. Dinos que xestionemos a captación de auga e fagamos unha reclamación patrimonial".

Segundo sinalan os veciños do Vilar, quen fai uso agora da auga dos mananciais é a empresa que realiza as obras, que ademais pasa polos terreos dos afectados sen ningún tipo de custo económico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade