Atacan ata por catro veces unha tenda de Ribeira en vésperas da súa apertura
As promotoras do negocio cren que o autor é a mesma persoa que lanzou ovos, alcatrán, pintura e cola contra o inmoble
De portas a dentro, a parella de emprendedores traballa na súa tenda da rúa Luís Seoane de Ribeira para inaugurala dentro duns días. Xa contaban facelo a mediados de febreiro, pero un falcatrueiro está a desbaratarlles os plans. Por catro noites asañouse botando ovos, alcatrán, pintura e cola contra o inmoble.
Na fachada e no chan aínda quedan pegadas a pesar do que levan fregado para que o local estea lustroso para empezar.
Lucía Fernández, empregada de Serendipia, enumera os feitos: "Empezou cunha tirada de ovos contra a fachada, que tomamos como unha pequena parvada. Ao día seguinte, cola extraforte na fechadura, co que xa tivemos que dedicar a mañá a resolver ese dano, cambiar todo, gastar cartos. Ao sábado seguinte, aproveitando o Entroido, veu un con careta de pallaso botarnos alcatrán no logo da fachada e na porta para que quedase pegada, pero non o conseguiu. E o sábado seguinte lanzou pintura vermella".
Todo apunta a que foi o mesmo individuo as catro veces. Nin se molestou en cambiar de cazadora o día que ía disfrazado. A parella propietaria da tenda mesmo fixo garda de noite para recoller máis probas e non lles quedou outra que cambiar a tarefa cos preparativos da apertura.
"Investimos o que tiñamos para ter un futuro e compatibilizar cos nosos rapaces, para ser os nosos xefes, vivir máis tranquilos", di Lucía Fernández, que engade: "Levamos dúas semanas que non conseguimos durmir nin descansar, vixiando as cámaras. Un sinvivir. Pero o día catro, ás doce, abrimos e temos que, aínda así, estar contentos".
Lucía e a súa parella agardan que as pescudas da policía dean resultado para que o autor pague os danos e deixe de molestalos.