Catorce magos ofrecen actuacións en Lugo durante esta semana
O festival Lugo Máxico converte á cidade lucense nun punto de encontro para os afeccionados á maxia e o ilusionismo
A cita inclúe visita a colexios e a enfermos ingresados no hospital, así como espectáculos na rúa
Comeza en Lugo o festival de maxia. Coa presenza de catorce magos, haberá case unha trintena de actuacións, moitas delas en prazas públicas co fin de achegar a maxia a todos os recunchos.
Os escolares reciben unha atención especial. Asegura un dos magos que se trata do "público máis fácil de ilusionar".
En Lugo pode dicirse que hai canteira de magos. Nesta ocasión o festival dedica unha exposición ao Conde de Waldemar, unha figura destacada no ámbito da maxia a nivel mundial, nacido en 1885 nunha aldea do concello lucense de Portomarín.
Na mostra pode verse un titular que recolle que "o conde parou o tráfico no Golden Gate", manifesta Marcos Waldemar, que intervén no festival.
Hai tamén actuacións para as persoas que están ingresadas no hospital e mesmo, maxia na escuridade. Misterio e ilusión do que se pode gozar durante toda esta semana en Lugo.