Publicador de contidos
Publicador de contidos

Catorce detidos en Lugo e León por defraudar cinco millóns á Seguridade Social

Catorce detidos en Lugo e León por defraudar cinco millóns á Seguridade Social

Un clan familiar lideraba un conglomerado empresarial no negocio da extracción da lousa, que se valía de homes de palla para tapar as irregularidades

G24.gal 26/07/2023 14:06

A Policía Nacional destapou en León e Lugo unha fraude á Seguridade Social de máis de cinco millóns de euros no sector da extracción e manipulación da lousa, nunha operación que rematou con catorce detidos.

Trátase da operación Dorma, levada a cabo en colaboración coa Tesourería Xeral da Seguridade Social (TXSS), na que se descubriu un grupo empresarial liderado por un clan familiar que se valía de homes de palla, informa a Dirección Xeral da Policía.

As investigacións comezaron o pasado mes de marzo tras requirir a TXSS a actuación policial ante actuacións irregulares de polo menos dezanove sociedades que formaban un grupo empresarial creado e dirixido por un pai e os seus tres fillos.

O obxectivo do grupo era centralizar e concentrar a débeda contraída coa Seguridade Social pola sociedade matriz mentres se realizaba as vendas pola extracción de lousa a través doutras sociedades non debedoras, co que se impedía o embargo das ganancias.

Consolidáronse como un dos produtores de lousa máis importantes da zona ao que a Consellería de Industria, Comercio e Turismo da Xunta de Castela e León outorgara unha concesión de explotación administrativa.

Outra práctica habitual do grupo empresarial era a utilización dos traballadores da forma que máis conviñese á organización.

As sociedades daban de alta e de baixa os empregados de forma conxunta e coordinada e realizaban un transvasamento masivo dos mesmos cando era necesario, e en moitos casos fixeron este cambio de empresa nun espazo de poucos días ou mesmo ao día seguinte do cesamento na anterior.

O responsable principal do conglomerado indicaba aos seus empregados que cambiaban de empresa por orde súa e non podían negarse xa que os ameazaba co despedimento.

Unha das fillas do clan era a autorizada na práctica totalidade das sociedades para as xestións administrativas, o que facilitaba os transvasamentos de traballadores e a facturación cruzada e permitiu a dirección unitaria de todas as mercantís.

A maioría dos homes de palla que usaron para ocultar os verdadeiros responsables das empresas eran ou foran traballadores das sociedades investigadas que non posuían nin formación nin experiencia laboral na administración de mercantís.

Ademais adquiriron bens sen necesidade de solicitude de financiamento externo, o que acreditaba un elevado poder adquisitivo e a nula intención de pago ao preferir distraer o seu patrimonio que abonar o debido.

O prexuízo económico causado á TXSS ascende a 5.019.996 euros, cantidade que os investigadores cren que se viu incrementado de non ser polas actuacións policiais xa que se detectaron novos intentos de descapitalización das sociedades para dificultar os labores executivos de présa por parte da Seguridade Social. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade