Publicador de contidos

Publicador de contidos

O xuízo aos Pujol: unha fortuna oculta en Andorra baixo sospeitas de corrupción

O xuízo aos Pujol: unha fortuna oculta en Andorra baixo sospeitas de corrupción

A vista oral comeza este luns coa dúbida de se o expresidente vai sentar no banco pola súa deterioración cognitiva

A tese da Fiscalía é que os cartos proceden de comisións de empresas por concursos públicos amañados

Os sete fillos están acusados de integrar unha asociación ilícita, xunto ao matrimonio Pujol-Ferrusola, para enriquecerse

Alberto Paredes/Europa Press Alberto Paredes/Europa Press
G24.gal 23/11/2025 20:00 Última actualización 23/11/2025 20:00

O expresidente catalán Jordi Pujol e os seus sete fillos encaran este luns na Audiencia Nacional o xuízo pola fortuna millonaria oculta durante décadas en Andorra.

A clave do caso é a orixe destes cargos. Segundo a Fiscalía, proveñen da corrupción pero a familia sostén que proceden dunha herdanza sabiamente investida.

Tras unha instrución de máis de trece anos, a vista oral bota a andar coa dúbida de se Jordi Pujol Soley vai sentar no banco dos acusados ou quedará exento pola deterioración cognitiva que, segundo os forenses, sofre aos seus 95 anos e tras padecer dous ictus.

Os que non poderán librarse serán os seus sete fillos, acusados de integrar unha asociación ilícita xunto ao matrimonio Pujol-Ferrusola para enriquecerse con comisións de empresas a cambio de adxudicacións públicas.

A Fiscalía pídelles penas de entre 8 e 29 anos de cárcere. A máis alta, para o fillo maior Jordi Pujol Ferrusola, que tamén se enfronta a unha multa de máis de 6,5 millóns, segundo o escrito de acusación.

De onde saíu o diñeiro?

O xuízo céntrase en determinar como amasou a familia Pujol os fondos ocultos ata alcanzar os 126 millóns das antigas pesetas (757.300 euros) que cada un dos sete irmáns e a nai cobraron no ano 2000, unha fortuna que o expresident desvelou nunha carta pública catorce anos despois.

A tese da Fiscalía é que ese capital procede das comisións que empresas afíns a CDC pagaban á familia a cambio de adxudicacións e contratos públicos de administracións controladas polo partido. Por iso, tamén sentan no banco, con peticións de cinco anos de cárcere.

De ser exculpado Jordi Pujol, o xuízo quedaría orfo dunha das súas pezas esenciais: non en balde a Fiscalía, que pide 9 anos de cárcere para quen presidira a Generalitat durante 23 anos, sitúao na cúspide da suposta asociación ilícita.

Unha dirección que compartiría coa súa esposa Marta Ferrusola, falecida en xullo do ano pasado tras ser exculpada en maio de 2021 pola demencia que padecía.

Esa hipótese da acusación colleu voo ao transcender unha nota manuscrita na que a muller de Pujol daba instrucións sobre "traspasos de misais", presentándose como a "nai superiora da congregación".

Á marxe do matrimonio, o principal acusado é o primoxénito, Jordi Pujol Ferrusola, que en 1990 asumiu a xestión dos fondos de Andorra e unha década despois repartiu 126 millóns de pesetas a cada membro da familia, menos o pai.

Logo, dende o ano 2011 estiveron a sacar diñeiro en metálico para acabar regularizando o patrimonio en 2014.

Non hai debate sobre a existencia dese capital, que as comisións rogatorias acreditaron que os Pujol tiveron en Banca Reig, despois en Andbank e finalmente na Banca Privada de Andorra (BPA).

O que está por dilucidar é como foi engordando ata alcanzar o que o xuíz instrutor, José de la Mata, cualificou de "desmedido patrimonio".

Deixa ou corrupción?

Segundo a versión que Pujol sostivo o 25 de xullo de 2014 na súa carta de confesión, a fortuna procede dunha deixa que o seu pai Florenci, falecido en 1980, deixou aos netos e á súa nora, preocupado por se a actividade política do seu fillo puña en risco o futuro da familia.

Sen achegar nunca documento ningún que acredite o legado, a familia insistiu en que os 140 millóns de pesetas que lles deixou Florenci Pujol alimentáronse dunha galopante inflación e varias desvalorizacións de moeda ata alcanzar os 500 millóns de pesetas (3 millóns de euros) en dez anos.

A xestión financeira de Jordi Pujol Ferrusola, que se encargou a partir do ano 1990 de darlles rendemento aos fondos, lograría multiplicar o capital por sete nunha década, segundo a súa versión.

O seu argumento non convenceu os tribunais e tampouco a Fiscalía, que cre que o motivo polo que os Pujol ocultaron o seu patrimonio en Andorra non era outro que o de camuflar que proviña da corrupción.

O expresidente no izado da O expresidente no izado da "senyera" no mes de setembro. EUROPA PRESS/Alberto Paredes

Branqueo de capitais e fraude fiscal

Segundo a acusación, o papel de Jordi Pujol Ferrusola non só era cobrar as comisións, senón tamén branquealas mediante sociedades instrumentais e operacións no estranxeiro e repatriar despois o diñeiro para, xa lavado, repartilo entre a súa familia.

Nesas operacións de branqueo, mantén o ministerio público, o coñecido como Junior contou coa colaboración da súa dona, Mercè Gironès, para quen pide 17 anos de cárcere, e do seu irmán Josep, que afronta 14.

Os fondos dos Pujol permaneceron ocultos en bancos andorranos polo menos durante vinte anos, sen tributar en España, do que se deriva outro delito contra a Facenda pública. Con todo, para a maioría, esa fraude fiscal xa prescribiu.

É o caso do expresident: durante a investigación: toparon unha conta en Andbank -a número 63810-, acompañada dun documento no que Jordi Pujol asumía ser o titular de 1,8 millóns de euros ingresados no ano 2000, unha fraude que Facenda cifrou en 885.651 euros pero que considerou prescrita.

Jordi Pujol Ferrusola e a seu exesposa, Mercè Gironès, si deberán responder por cinco exercicios de presunta fraude fiscal, entre 2007 e 2012, que Facenda cifra en 7,7 millóns de euros.

O resto de irmáns acabaron pechando as súas contas en Andorra en 2014, tras regularizaren a súa situación tributaria, grazas á amnistía fiscal que o Goberno de Mariano Rajoy aprobou en 2012.

Josep Pujol, con todo, fíxoo de forma incompleta e tratou de canalizar os fondos ocultos cara a México, segundo as acusacións, polo que tanto a Fiscalía como a Avogacía do Estado o acusan de fraude fiscal no exercicio 2010.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade