Sánchez di que segue crendo que o fiscal xeral é inocente pero rexeita falar agora dun indulto
Sánchez: "Acatamos pero non compartimos a sentenza"
O presidente do Goberno apunta a un posible recurso ante o Tribunal Constitucional
Sánchez pide revisar "en profundidade" o plan de paz para Ucraína
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegurou este domingo que segue crendo na inocencia do fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz. Dixo "acatamos pero non compartimos" a sentenza do Tribunal Supremo, pero considera que non ten sentido falar agora dun posible indulto.
Sánchez referiuse por vez primeira publicamente, en rolda de prensa en Johannesburgo con motivo do cume do G-20, á decisión do Tribunal Supremo de condenar a García Ortiz a dous anos de inhabilitación e a unha multa de 7.200 euros por un delito de revelación de segredos en relación co caso do noivo da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso.
O xefe do executivo insistiu en que o Goberno respecta a sentenza, aínda que non a comparte, e defendeu que nunha democracia "podemos manifestar a nosa discrepancia sobre a orientación desta sentenza e eu maniféstoa; e maniféstoa porque creo na inocencia do fiscal xeral do Estado".
O presidente do Goberno explicou que cría na inocencia do Fiscal entre outras cousas polos "testemuños que deron periodistas dunha dilatada experiencia en información xudicial; manifestaron claramente que o fiscal xeral do Estado non era a orixe das supostas filtracións, das que o acusa precisamente a parella da presidenta da Comunidade de Madrid, a señora Ayuso."
"Lamentamos estea decisión, respectámola, acatámola e, nunha sociedade democrática como na que vivimos, hai dúas cousas que facer: primeira, poñer en marcha o procedemento para substituír e nomear un novo fiscal xeral do Estado; e segunda, pois evidentemente hai outras instancias xurisdicionais nas que entendo se terán tamén que dirimir algún dos aspectos, unha vez se coñeza o contido desta sentenza, que ao mellor poidan ser controvertidos e que teñan tamén que ser dirimidos por estas instancias".
Sanchez pide revisar "en profundidade" o plan de paz para Ucraína
Na rolda de prensa posterior ao cume do G-20 en Johannesburgo, ante as preguntas dos xornalistas, Pedro Sánchez tamén se referiu ao plan de paz para Ucraína proposto polos Estados Unidos.
O presidente do Goberno recoñeceu os esforzos da Administración estadounidense para lograr un acordo de paz entre Rusia e Ucraína, pero deseguida falou da necesidade de revisar "en profundidade" a proposta para que os "europeos e ucraínos estean representados".
"Cando estamos falando da arquitectura de seguridade europea, Europa ten que estar nesas conversas", asegurou Sánchez.