Trump di agora que pronto revisará o plan de paz que lle enviou Irán
O mandatario republicano enviou mensaxes confusas pero asegura que vai ver polo miúdo a nova proposta
Trump atende a prensa antes de subir ao avión. REUTERS/Nathan Howard
O presidente dos EUA, Donald Trump, dixo que vai revisar pronto o plan que lle enviou Irán para acabar coa guerra, apenas unhas horas despois de asegurar que as propostas iranianas non eran satisfactorias.
"Pronto revisarei o plan que Irán nos acaba de enviar, pero non podo imaxinar que sexa aceptable, xa que aínda non pagaron un prezo suficientemente alto polo que lle fixeron á humanidade e ao mundo durante os últimos 47 anos", asegurou esta noite nunha concisa mensaxe na súa rede Truth Social.
A mensaxe foi difundida tamén polo perfil en X da Casa Branca e do Departamento de Estado. Antes de escribir o texto na rede, Trump pronunciouse nos mesmos termos ante a prensa ao confirmar que revisaría o citado plan.
"Explicáronme o concepto do acordo. Daranme a redacción exacta agora", dixo antes de subir ao Air Force One en Florida, onde ten a súa residencia privada, rumbo a Washington, segundo indica a CNN.
Segundo publicou este sábado a axencia iraniana Tasnim, Teherán respondeu á proposta de nove puntos dos Estados Unidos cunha nova oferta que aposta por unha saída diplomática.
Os Estados Unidos solicitaron unha tregua de dous meses pero a República Islámica quere un cesamento definitivo do conflito e dá un prazo de trinta días para sesolver as cuestións pendentes.
Unha casa de cambio en Teherán. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS
A proposta persa
Entre os puntos incluídos na proposta iraniana de 14 apartados figuran garantías de non agresión militar, a retirada de forzas estadounidenses da contorna de Irán e o levantamento do bloqueo naval.
Tamén está a liberación de activos iranianos conxelados, o pago de compensacións, o levantamento de sancións e o dinal da guerra en todas as frontes, incluído o Líbano, ademais dun novo mecanismo para o estreito de Ormuz.
Tras entregarlle a oferta a Paquistán como mediador nas negociacións, Teherán agarda unha resposta oficial dos Estados Unidos.
"Agora a pelota está no campo dos Estados Unidos, que debe elixir entre o camiño da diplomacia ou a continuidade dunha estratexia baseada na confrontación", afirmou este sábado o viceministro iraniano de Exteriores, Kazem Gharibabad.
Columnas de fume no sur do Líbano. REUTERS
Proposta insatisfactoria
O mandatario republicano amosara esta semana a súa insatisfacción coa marcha das negociacións de paz malia manter vivo un cesamento do fogo sen reapertura do estreito de Ormuz, que prexudica principalmente aos aliados de Washington.
"Queren chegar a un acordo. Non estou satisfeito con iso, así que xa veremos que pasa", indicou este venres desde a Casa Branca.
Tamén enviou mensaxes confusas. Por unha banda, dixo estar a manter conversas por vía telefónica, pero por outra, reitorou non saber quen toma as decisións en Teherán porque o seu liderado está danado ou escondido tras 40 días de ataques que entraron nunha pausa o pasado 8 de abril.
Buques no estreito de Ormuz fronte a costa de Omán. REUTERS
Incautación de buques iranianos
Por outra banda, Irán condenou as declaracións do presidente estadounidense, Donald Trump, nas que cualifica de "piratería" a incautación de buques iranianos por parte dos Estados Unidos.
"O presidente dos Estados Unidos cualificou de xeito aberto a incautación ilegal de buques iranianos como piratería, xactándose desvergoñadamente de que actuamos como piratas", afirmou a última hora do sábado o portavoz do Ministerio de Exteriores iraniano, Ismail Bagaei, na rede social X.
Segundo o diplomático, constitúen unha "admisión directa e contundente do carácter criminal" das accións estadounidenses contra a navegación marítima internacional, en alusión ao bloqueo naval sobre portos e buques iranianos.
Trump xactárase este venres de que a Armada dos EUA actuou "como piratas" no marco do bloqueo contra Irán.
"Aterramos encima e tomamos o barco. Levámonos a carga e o petróleo. É un negocio moi rendible (...). Somos como piratas. Somos igual que os piratas, pero non estamos a xogar", dixo o mandatario estadounidense.
Bagaei fixo un chamamento á comunidade internacional, aos Estados membro da ONU e ao seu secretario xeral para que rexeiten firmemente calquera normalización de tales "violacións flagrantes" do dereito internacional.
Os Estados Unidos manteñen o seu bloqueo contra Irán no estreito de Ormuz desde o 13 de abril, despois de que as negociacións posteriores ao cesamento do fogo con Teherán, celebradas en Islamabad os días 11 e 12 de abril, concluíran sen acordo.