Os EUA e Ucraína avanzan, sen os europeos, no plan de Trump para rematar a guerra
O secretario de Estado dos Estados Unidos, Marco Rubio, asegurou que "avanzaron bastante"
O Reino Unido, Francia e Alemaña manifestaron o seu malestar por ser marxinados nestas conversas
A reunión celebrouse en Xenebra sen a participación de Rusia
Membros das delegacións americana e ucraína, reunidos en Xenebra. REUTERS/Emma Farge
O secretario de Estado de Estados Unidos, Marco Rubio, asegurou este domingo que a súa delegación e a ucraína "avanzaron bastante" no "repaso dos puntos un por un" do plan de paz de Donald Trump para a paz en Ucraína.
Considerou que mesmo pode ser "a mellor reunión" que mantiveron ambas as partes ao redor dos esforzos para poñer fin á guerra entre Ucraína e Rusia.
"Baseándonos nas achegas de todas as partes implicadas aquí, puidemos repasar algúns deses puntos agora un por un. E creo que avanzamos bastante", comentou brevemente á prensa o xefe da diplomacia estadounidense tras a primeira rolda de reunións.
Ao seu lado atopábase o xefe da delegación ucraína, Andri Yermak, quen asegurou que a reunión, que durou aproximadamente unha hora e media, foi "moi produtiva".
Axiña, agradeceu " ao presidente Trump e ao seu equipo" polo seu traballo "para devolver a paz a Ucraína", e destacou a importancia de involucrar os países europeos. Mesmo sostivo que se fixeron "bos progresos para dirixirnos cara a un paz duradeira e xusta".
Rubio dixo que os respectivos equipos de negociación ían volver a reunirse para traballar en base a algunhas das suxestións expostas pola parte ucraína.
O xefe da delegación ucraína, Andri Yermak e osecretario de Estado dos EUA, Marco Rubio, tras a reunión . REUTERS/Emma Farge
Os Estados Unidos e Ucraína sentáronse este domingo para negociar o plan trazado polo Goberno do presidente estadounidense, Donald Trump, para poñer fin á guerra con Rusia, nas primeiras consultas cara a cara desde que se fixo pública a proposta estadounidense e das que Washington excluíu os europeos.
A delegación estadounidense acudiu encabezada polo secretario de Estado, Marco Rubio, acompañado polo enviado especial de Trump para misións de paz, Steve Witkoff, a quen se considera o principal artífice do plan de 28 puntos, e o secretario do Exército, Dan Driscoll.
O presidente ucraíno, Volodímir Zelenski, enviou como cabeza de delegación o seu xefe de gabinete, Andri Yermak, quen está acompañado dun equipo de carácter netamente militar.
Yermak reuniuse previamente con altos asesores de seguridade do Reino Unido, Francia e Alemaña, países que manifestaron o seu malestar por ser marxinados nestas conversas e en momentos en que se teme que Eos stados Unidos reforcen a súa presión para que o Goberno ucraíno acepte o plan, que se inclina claramente a favor dos intereses de Rusia.
A reunión entre os Estados Unidos e Ucraína celebrouse na misión diplomática estadounidense ante a ONU en Xenebra, pero sen a participación de Rusia, que sinalou que aínda debe discutir con Washington os detalles da súa proposta.