Publicador de contidos

Publicador de contidos

Carlos Alcaraz alcanza a súa terceira final consecutiva en Wimbledon

Carlos Alcaraz alcanza a súa terceira final consecutiva en Wimbledon

O murciano desfíxose de Taylor Fritz, número cinco do mundo, en catro sets

Buscará o seu terceiro título na herba londiniense o domingo

O seu rival será Jannik Sinner, que derrotou a Djokovic por 6-3, 6-3 e 6-4, repetindo a final do último Roland Garros

Foto: EFE
G24.gal 11/07/2025 19:06

Carlos Alcaraz segue indo a máis neste torneo de Wimbledon. Logo de pasar serios atrancos na primeira eliminatoria, na que precisou dos cinco sets e de case cinco horas contra Fabio Fognini, o murciano foi aumentando a solidez do seu xogo, o que lle permitiu chantarse na que vai ser a súa terceira final consecutiva no All England Club.

Na semifinal contra Taylor Fritz, o número cinco do mundo, Alcaraz estivo sólido nos momentos decisivos. No primeiro set rompeulle axiña o servizo ao rival para manter a renda e levar o parcial por 6-4. No segundo tivo máis problemas e, malia que se mantivo a igualdade ata o 5-5, o estadounidense acabou anotando os dous últimos xogos, 7-5.

No terceiro parcial, tres xogos consecutivos abriron unha fenda a prol de Alcaraz que xa non deixou fuxir, 6-3. E o último foi á morte súbita. Alí o murciano impúxose por 8-6. Carlos Alcaraz vai buscar o domingo o seu terceiro título consecutivo de Wimbledon, e o seu sexto título de Grand Slam con só 22 anos.

O murciano afronta a terceira final consecutiva, diante de Jannik Sinner, que lle pechou as portas ao finalista das dúas últimas edicións, Novak Djokovic, por 6-3, 6-3 e 6-4, nun encontro que non chegou ás dúas horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade