Calvos de Randín, Xinzo de Limia e Verín son as localidades máis frías de Galicia
Nestes concellos rexístranse oscilacións térmicas de entre 20 e 25 graos
Tras un mes de xaneiro en que practicamente non lembramos un día sen sol, chegaron con el tamén as xeadas e as baixas temperaturas.
Calvos de Randín leva a sona de ter algunhas das madrugadas máis frías de Galicia, pero canda ela outras coma Xinzo de Limia ou Verín presentan rexistros moi similares. Entre os menos oito e os dez graos baixo cero de mínima houbo nos últimos días.
Estes tres concellos ourensáns forman unha especie de triángulo xeográfico de frío e baixas temperaturas onde, ademais, son moi habituais as oscilacións térmicas, que poden superar os 25 graos entre o día e a noite.
En Calvos de Randín arrancaron xaneiro con mínimas de tres graos baixo cero, que seguiron baixando ata os case dez graos negativos de hai dous días. Outra vez son noticia polo frío.
Xa están afeitos a escoitar falar de frío, pero é que preto de alí, no concello de Xinzo, os termómetros á baixa tampouco dan tregua, de feito caeron ata os dez graos negativos a pasada fin de semana. O normal, din.
E falta un terceiro vértice neste triángulo: Verín. Alí durante o mes de xaneiro chegaron case aos nove graos baixo cero. Falamos desas localidades en que unha estación meteorolóxica recolle as temperaturas cada día, e vistos os datos semella que se falamos de frío a diferenza é pouca entre estes tres concellos.
En todos eles rexistráronse ademais oscilacións térmicas de entre 20 e 25 graos na última semana de xaneiro.