Publicador de contidos

Publicador de contidos

Caídas, lesións e perdas, principais demandas dos peregrinos no Camiño

Caídas, lesións e perdas, principais demandas dos peregrinos no Camiño

Veciños e asociacións de voluntarios do Camiño solucionan os incidentes máis leves e recorren a Protección Civil e forzas de seguridade para emerxencias 

 

G24.gal 21/07/2025 14:42 Última actualización 21/07/2025 16:24

Son o seu primeiro auxilio. Cando o Camiño se torce, aí están os veciños, ás veces cansos, pero sempre dispostos.

"Cóllente no coche, se estás perdido. Se precisas algo, sempre hai xente que se ofrece", recoñece unha peregrina experimentada.

"Preguntan moito polas direccións e confúndense moito polo GPS, preguntan tamén onde comer e onde están os albergues", confirma unha veciña de Padrón que vive ao pé do Camiño.

Piden información, pero tamén aceptan de bo grao un vaso de auga ou un banco e unha man amiga que axude a coller alento.

"Os que están finalizando a etapa ou preto da fin de etapa, chaman aos albergues para pedir axuda por lesións ou cansazo. Daquela, collemos os nosos coches para ir recollelos, traelos ao albergue e acollelos da mellor maneira", sinala Juan Francisco Torres, hospitaleiro de AGACS

Cando todo queda aí, basta con repouso para seguir avanzando, pero o Camiño ten as súas trampas propias. Daquela, entran en escena os servizos de emerxencia. 

"Tres ciclistas que caeron, uns enriba dos outros, e un mancou unha perna e houbo que subilo para riba ata a ambulancia e evacualo", lembra Juan José Maneiro, membro de Protección Civil de Valga

Coa chegada do verán, as forzas de seguridade, Protección Civil, e as propias organizacións de voluntarios do Camiño póñense en alerta.

"Hai xente que cae das bicicletas, outros que torcen un pé e ímoslle axudando, facendo curas e así", engade Maneiro. 

"Temos requirimentos do 061 para axudarlles a facer algún porteo dalgún peregrino que sofre algunha lesión e temos que facer o traslado dunha zona de difícil acceso á ambulancia", confirma Pablo Muñiz, xefe de servizo de Protección Civil de Padrón

Lembran a importancia de descargar Alert Cops, unha aplicación para descargar no móbil que mellora a proteccións do peregrino en todos os tramos do Camiño.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade