Cada ano nacen uns 25.000 bebés prematuros en España, un 7% do total de nacementos
Os avances nos tratamentos neonatais incrementan a supervivencia dos prematuros
Saen adiante un 95% dos que nacen despois da semana 28 de xestación
Cada 17 de novembro celébrase o día mundial dos bebés prematuros
Os bebés prematuros son aqueles que nacen antes de completar a semana 37 de xestación. Chegan antes de tempo con moi pouquiño peso e tamaño e precisan da implicacion total do equipo médico que os atende as 24 horas. E tamén dos pais, unha axuda vital durante a hospitalización.
"A presenza dos pais, o método canguro. É o coidado pel con pel directo do bebé prematuro cun dos seus proxenitores e ten moitos beneficios para o seu desenvolvemento.", explica a pediatra Fátima Braña.
"A miña nena naceu ás vinte e catro semanas e cinco días e pesaba só seiscentos gramos. Foi un proceso moi difícil porque non esperas ter o teu bebé antes de tempo.", di Rosmari Rodríguez, nai dunha nena prematura.
"Xa supuxo un mes e medio adicional no hospital. Para que fose pouco a pouco acadando os fitos mínimos dun bebé.", conta Julián García, pai dunha nena prematura.
Os avances nos coidados neonatais aumentaron moito as posibilidades de supervivencia dos prematuros, mesmo no grao máis extremo, os que chegan antes da semana 28 de xestación. Superadas as primeiras semanas no hospital, xa cos meniños na casa, non rematan os traballos.
"Son nenos que logo requiren dun seguimento durante moitos anos, en función da prematuridade e do tipo de patoloxías que poidan ter. Son nenos que non van para a casa despois dun tempo e xa está, non é así." Asegura a doutora Braña.
"Temos que facerlle todos os coidados e recomendacións dos médicos, porque ao ser tan prematura é unha nena que ten un desenvolvemento máis lento que un bebé a termo." Afirma Rosmari.
Son nenos que chegan antes de tempo pero con todas as ganas de loitar para medrar con saúde.