Buscan o home que atracou un supermercado de Vigo cunha navalla e unha xiringa
A policía xa traballa coas imaxes das cámaras de seguridade para tratar de identificar o atracador
Sucedeu a plena luz do día nun céntrico supermercado de Vigo. Un home entrou no establecemento coa cara cuberta e ameazou unha empregada cunha navalla e unha xiringa. Nese momento tamén había clientes no interior.
Golpeou a empregada e forcexou con ela, pero conseguiu facerse coa caixa rexistradora e fuxir con ela e con toda a recadación. Segundo explica a responsable do supermercado, a empregada notou que un home estaba no exterior do local en actitude nerviosa. Cando a muller estaba de costas cobrando aos clientes o home aproveitou para entrar no supermercado. Asegura que todo sucedeu moi á présa e que, aínda que a traballadora e algúns clientes saíron detrás, o atracador conseguiu fuxir.
Os afectados piden máis vixilancia na zona para evitar situacións como a que viviron e confían en que as imaxes das cámaras de seguridade axuden a identificar o atracador. A policía xa traballa con elas e recolleu pegadas no supermercado. Tratan de deter o autor dos feitos.