Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bruxelas propón vetar a pesca de fondo nas áreas protexidas antes do 2030

Bruxelas propón vetar a pesca de fondo nas áreas protexidas antes do 2030

A idea é que a frota de arrastre pesque no 30 % das augas comunitarias, cando agora a restrición é de algo máis do dez por cento

A Comisión Europea xa decretou o pasado ano o peche á pesca de fondo de 87 zonas sensibles das augas comunitarias no Atlántico nordés

G24.gal 21/02/2023 13:21 Última actualización 21/02/2023 15:43

A Comisión Europea (CE) propuxo este martes que a pesca de fondo móbil quede prohibida en todas as áreas mariñas protexidas da Unión Europea (UE) para o ano 2030.

Esa formulación forma parte dun conxunto de iniciativas sobre pesca sostible que o Executivo comunitario presentou hoxe, despois de que o ano pasado Bruxelas xa decretase o pecha á pesca de fondo de 87 zonas sensibles das augas comunitarias no Atlántico nordés.

España recorreu o veto no Atlántico ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que aínda debe pronunciarse sobre o asunto.

A CE pide aos Estados membros que propoñan recomendacións conxuntas e adopten medidas nacionais para eliminar gradualmente a pesca de fondo móbil en todas as áreas mariñas protexidas como moi tarde en 2030 e non permitila nas que se poidan crear e engadir á listaxe deses espazos no futuro.

Para marzo de 2024, os estados membros deberán tomar medidas para prohibir a pesca de fondo na rede de zonas protexidas Natura 2000.

Tamén para marzo do próximo ano, os países da UE deberán describir en detalle as áreas nas que se prohibirá a pesca de fondo en polo menos un 20 % das augas mariñas de cada Estado membro.

Ademais, terán que elaborar follas de ruta que esbocen as medidas que adoptarán en todas as áreas mariñas protexidas e o calendario de implementación. De todos os xeitos, Bruxelas recalcou que non vai prohibir a pesca de fondo en todas as augas da UE.

"As áreas mariñas protexidas son puntos quentes importantes para a biodiversidade mariña e por iso comprometémonos a expandir estás zonas ata que cubran un 30 % dos mares da UE para 2030 e a xestionalas de maneira adecuada", declarou o comisario europeo de Pesca, Vriginijus Sinkevicius, durante unha conferencia de prensa.

Engadiu que protexer as especies e ecosistemas mariños contribuirá a mellorar as poboacións de peixes, o futuro dos pescadores e a seguridade alimentaria.

"Os estados membros deberían usar todos os fondos relevantes da UE para asistir os pescadores e a sector no seu conxunto nesta transición necesaria. A transición cara a uns métodos de pesca máis sostibles debe ir da man coa transición a fontes de enerxía máis limpas e máis eficiencia enerxética", comentou.

O plan de acción da Comisión Europea expón, do mesmo xeito, mellorar a selectividade das artes de pesca e reducir as capturas accesorias de especies sensibles, que se capturan de forma accidental cando o obxectivo é pescar outros peixes.

Para iso, establécese un calendario que axuda aos Estados membros a priorizar aquelas especies que requiren maior protección.

A cantidade de especies que deberán protexerse das capturas accesorias irá aumentando ata que en 2030 os países teñan a obrigación de implementar medidas para reducir ou eliminar a pesca accidental de todos os animais en estado de conservación desfavorable ou ameazados de extinción e protexidos pola lexislación da UE.

O sector rexeita o plan

O sector pesqueiro recibiu o plan con incerteza porque, segundo afirman, complicará aínda máis a situación da frota, afectada polo peche de 87 áreas dende outubro. Non ven motivo de peso para esta decisión que pon en xogo 40.000 postos de traballo.

O sector pesqueiro advirte de que se abre a porta a produtos doutros países. Alertan tamén do perigo de desabastecemento. Din que é imprescindible facer compatible a protección do medio mariño coa actividade pesqueira.

De acordo co plan de acción, a finais de marzo os estados membros deberán adoptar medidas nacionais ou presentar recomendacións conxuntas para eliminar progresivamente a pesca de arrastre.

Transición enerxética

Bruxelas tamén presentou hoxe unha comunicación sobre a transición enerxética na pesca e acuicultura, que nos últimos meses viu en risco a súa rendibilidade e viabilidade polo aumento dos prezos da enerxía. De feito, parte da frota optou por quedar en porto hai uns meses ante o incremento do prezo do combustible porque non lle compensaba saír ao mar.

O Executivo comunitario expón reducir a dependencia dos combustibles fósiles e aspirar a un sector da pesca e a acuicultura climaticamente neutro, en liña co obxectivo do Pacto Verde Europeo de alcanzar a neutralidade climática na UE para 2050.

Así, propón medidas para apoiar ao sector á hora de acelerar a súa transición enerxética, mellorando a eficiencia do combustible e cambiando a fontes de enerxía renovables e baixas en carbono.

A comunicación avoga por mellorar a cooperación entre as diferentes partes interesadas, mellorar a contorna empresarial, incluídas as oportunidades de financiamento, así como desenvolver capacidades e unha man de obra preparada para a transición enerxética.

Ademais, crearase unha Asociación de Transición Enerxética para a Pesca e a Acuicultura da UE que reunirá a representantes de pescadores, acuicultura, construción naval, portos, enerxía, ONG e autoridades nacionais e rexionais para abordar a transición enerxética do sector, indicou a CE nun comunicado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade