Publicador de contidos

Publicador de contidos

CCOO, UXT e CSIF desconvocan a folga de Atención Primaria, pero a CIG mantena

CCOO, UXT e CSIF desconvocan a folga de Atención Primaria, pero a CIG mantena

O Sergas acepta todas as demandas sindicais e retira a categoría FEAP

O acordo inclúe melloras organizativas, laborais e económicas

Sede do Sergas - Europress Arquivo Sede do Sergas - Europress Arquivo
G24.gal 24/11/2025 23:07

CCOO, UXT e CSIF acordaron coa Consellería de Sanidade desconvocar a folga de Atención Primaria prevista para os días 26, 27 e 28 de novembro. A CIG decidiu manter a convocatoria.

O pacto chegou tras unha reunión de máis de nove horas que pon fin a dúas semanas de negociacións intensas.

Os tres sindicatos explicaron que o Sergas aceptou todas as súas demandas, o que supón melloras económicas, organizativas e laborais para o persoal de Atención Primaria.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, advertira nos últimos días de que a folga podería agravar a situación pola falta de profesionais e pola vaga de gripe que afecta Galicia.

Retirada da categoría FEAP e novo plan de recursos humanos

Entre os compromisos asumidos pola Consellería figura a retirada íntegra das medidas propostas na Mesa Sectorial do 17 de outubro e a extinción da categoría de Facultativo Especialista de Atención Primaria.

O Sergas tamén negociará un Plan de Ordenación de Recursos Humanos nun prazo máximo de seis meses e retirará o aplicativo da xornada nos PAC.

O acordo inclúe a equiparación do valor hora da enfermaría dos PAC co persoal doutras unidades, o recoñecemento dos venres como día pre-festivo para o persoal médico destes puntos e o avance na creación de novas categorías profesionais para reforzar a carteira de servizos de Atención Primaria.

Sanidade convocará un concurso específico de Enfermaría Familiar e Comunitaria no primeiro trimestre de 2026 e retirará calquera medida vinculada á homologación do título de Medicina Familiar e Comunitaria.

Os sindicatos destacan que o acordo representa un avance histórico para Atención Primaria. Consideran que permitirá reforzar os equipos, mellorar a organización asistencial e ofrecer unha atención de maior calidade.

A CIG mantén a folga

A CIG confirmou que seguirá adiante coa convocatoria. Os sindicatos médicos O'Mega e Simega tampouco modificaron por agora a súa intención de secundar a folga.

A orixe do conflito remóntase ao 17 de outubro, cando a Consellería presentou un documento con medidas para afrontar a situación da Atención Primaria.

Entre elas figuraba a conversión de vacantes de Médico de Familia en postos FEAP e fórmulas alternativas ao MIR para homologar títulos extracomunitarios. A proposta xerou un forte desacordo sindical.

Co paso dos días, Sanidade mostrouse disposta a negociar e acabou retirando todo o documento inicial. Os sindicatos reclamaban concreción e advertían que non suspenderían a folga só con compromisos xenéricos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos