Bruxelas concede a España 120 millóns de euros para paliar os danos dos incendios forestais de 2025
Europa xa concedera un anticipo de 30,1 millóns en maio e os 90,4 millóns restantes abonaranse en breve
Ourense, con máis de 56.000 hectáreas calcinadas, Zamora e León foron as provincias máis castigadas polos lumes de agosto do verán do ano pasado
Brais Lorenzo/EFE (Arquivo)
A Comisión Europea anunciou este xoves a concesión de 120,5 millóns de euros a España a través do Fondo de Solidariedade da Unión Europea (FSUE) para contribuír a sufragar os danos provocados polos incendios forestais que arrasaron distintas zonas do país durante o verán de 2025, marcado tamén por unha seca prolongada e ondas de calor extremas.
Segundo detallou o Executivo comunitario nun comunicado, os fondos europeos permitirán cubrir parte dos custos das operacións de emerxencia e dos labores de recuperación tras os incendios, no marco do mecanismo de solidariedade da UE destinado a axudar aos Estados membro afectados por grandes catástrofes naturais.
Este paquete foi aprobado polo Parlamento Europeo o pasado mes de xullo, coa idea que España poida permitir sufragar medidas de emerxencia e recuperación, entre elas a restauración de infraestruturas e servizos públicos esenciais, a limpeza das zonas afectadas, o aloxamento temporal para as persoas damnificadas e o despregamento de servizos de rescate, entre outras actuacións urxentes.
Tres vagas de incendios forestais e 8 falecidos no verán de 2025
Bruxelas lembrou que España sufriu tres grandes vagas de incendios forestais durante aquel verán, a máis mortífera das cales comezou o 8 de agosto e deixou oito falecidos, ademáis de obrigar a realizar evacuacións masivas de poboación nas zonas afectadas.
Ourense, con máis de 56.000 hectáreas calcinadas, León e Zamora foron as tres provincias máis castigadas pola vaga de lumes forestais no verán do ano pasado.
As lapas destruíron en Ourense preto de 200 vivendas e afectaron máis de 800 quilómetros da rede viaria.
España xa recibiu en maio de 2026 un anticipo de 30,1 millóns de euros, mentres que os 90,4 millóns restantes abonaranse proximamente, segundo detallou a Comisión Europea no seu comunicado.
A decisión chega despois de que o Parlamento Europeo e o Consello da UE aprobasen a proposta de mobilización do fondo de Solidariedade presentada por Bruxelas, tras a solicitude de asistencia formulada por España en 2025.
Ademáis dos fondos destinados a España, a Comisión aprobou outros 14,3 millóns de euros para Romanía polas graves inundacións que afectaron a varias rexións do país entre finais de maio e principios de xuño de 2025, polo que a axuda total concedida este xoves a ambos os países ascende a 134,8 millóns de euros.