O Breogán non quere marchar de Europa e forza o terceiro partido (80-73)
Partido moi igualado ante o Karsiyaka, que decidiron os de Mrsic cun parcial de 14-0 no último cuarto
O Breogán continúa con vida na Basketball Champions League despois de gañarlle por 80-73 ao Pinar Karsiyaka turco no segundo partido dunha serie que se decidirá o vindeiro mércores.
Comezou o partido moi enchufado McLemore anotando 11 dos 13 primeiros puntos do Breogán. O partido mantívose moi igualado no primeiro cuarto (24-23), e foi no segundo cando o equipo turco logrou unha diferenza de sete puntos (25-32). Con moito traballo defensivo, o equipo breoganista impediu que o rival consolidase esa vantaxe e chegou ao descanso só un punto abaixo (40-41) e con todo por decidir.
O terceiro cuarto mantivo a tónica. McLemore continuaba batendo na canastra de Karsiyaka (22 puntos ao remate), pero a experiencia e o saber facer do equipo visitante mantiña en todo momento a igualdade (61-62). Ao comezo do último cuarto conseguiu irse con cinco de renda (66-71).
Pero quedaba o mellor do partido para o Breogán. Cun sensacional parcial de 14-0 liderado por Momirov cun par de triplas deulle a volta ao partido no intre oportuno e acabou gañando por 80-73. Haberá terceiro partido en terras turcas.