Publicador de contidos

Publicador de contidos

O BBVA admite máis riscos na OPA ao Sabadell tras os últimos movementos do banco catalán

O BBVA admite máis riscos na OPA ao Sabadell tras os últimos movementos do banco catalán

A entidade que preside Carlos Torres comunica á CNMV que revisará as sinerxías dos custos debido ás condicións impostas polo Goberno

O BBVA recoñece que "debe terse en conta" a venda da filial británica do Sabadell ao Santander

G24.gal 08/08/2025 08:47

O BBVA admite máis riscos na OPA que lanzou sobre o Sabadell e faino un día despois de que o banco catalán aprobara en dúas xuntas de accionistas extraordinarias a venda da súa filial británica TSB ao Santander e a repartición dun dividendo de 2.500 millóns de euros

Así, a entidade que preside Carlos Torres remitiu este xoves un documento á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) en que recoñece que estas operacións "deben terse en conta", que está a levar a cabo un proceso de revisión das posibles sinerxías de custos que podería alcanzar nos anos que dure a condición imposta polo Goberno para aprobar a OPA, que poida que finalmente non se concrete e que se iso ocorre, "podería afectar negativamente a reputación do BBVA".

"O BBVA está a revisar as sinerxías de custos operativos e de financiamento que se poderían materializar durante os primeiros tres anos (ou eventualmente, cinco primeiros anos) como consecuencia da toma de control de Banco Sabadell e aquelas que se poderían materializar unha vez que a condición do Consello de Ministros deixe de estar en vigor e se poida levar a cabo a fusión", recolle o banco nun suplemento ao seu documento de rexistro universal.

Mediante este suplemento, o banco actualiza os factores de risco aos que se enfronta con carácter xeral, así como as súas previsións tanto de negocio como macroeconómicas nos mercados en que opera.

En caso de que a oferta finalmente se produza, o banco admitiu que "non pode asegurar" que se alcancen "algúns ou todos" os beneficios esperados coa operación, incluídos a redución de custos e as sinerxías de financiamento.

Cando anunciou a OPA o BBVA prevía 850 millóns de euros en sinerxías de custos: 450 millóns por tecnoloxía e administración, 300 millóns por aforro de persoal e 100 millóns por financiamento.

En xuño, o Consello de Ministros decidiu autorizar a OPA a condición de que ambos os bancos manteñan unha xestión e un balance independentes durante un período de tres anos, extensible por dous máis (ata un total de cinco). No documento o BBVA defende que a toma de control do Banco Sabadell e a súa integración no BBVA "crea valor para os accionistas de ambas as entidades", a pesar de que a condición do Consello de Ministros atrasaría a implementación das sinerxías derivadas da fusión.

En todo caso, o BBVA subliñou a súa intención de tentar fusionar o Sabadell cando a condición imposta polo Goberno expire, pasados eses tres ou cinco anos. O banco alerta que, en todo caso, a fusión ten que ser autorizada pola persoa que sexa ministro ou ministra de Economía nese momento. De non lograr ese visto e prace "é posible que resultase máis difícil integrar as operacións de BBVA e Banco Sabadell, podendo derivar nun proceso de integración complexo cun maior consumo de tempo e recursos do inicialmente previsto".

Respecto a este punto, o BBVA admitiu que, en caso de que a fusión non se completase "por calquera motivo", podería dar lugar á imposibilidade de materializar "gran parte" dos beneficios esperados da oferta, incluídos os aforros de custos e outras eficiencias operativas.

Doutra banda, o documento publicado este xoves polo BBVA tamén aclara que a integración operativa de Sabadell, incluído o seu sistema informático, como consecuencia da fusión "podería resultar especialmente difícil e complexa".

Así mesmo, o banco enumera outra serie de riscos, como integrar o persoal, as operacións, coordinar os centros corporativos, a retención de clientes, o mantemento das relacións comerciais, lograr aforros de custos, atopar continxencias inesperadas ou verse involucrado en litixios relacionados coa OPA.

"A imposibilidade de liquidar a oferta podería afectar de forma negativa a reputación do BBVA e xerar reaccións adversas en investidores e clientes, así como afectar negativamente á relación do BBVA cos seus empregados e os seus clientes", recalcou o banco.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade