Traballado triunfo dun Liceo que remontou na segunda parte ante o Bassano (2-3)
Arnau Xaus marcou os goles da remontada na segunda parte
A seguinte cita dos de Juan Copa será en Riazor ante o segundo clasificado: o Igualada
O Hóckey Club Liceo continuaba a súa andaina europea coa súa visita ao Broker de Bassano no sexto dos oito encontros da primeira fase da WSE Champions League.
O conxunto coruñés non contaba con Bruno Saavedra tras a tarxeta vermella que recibiu o exxogador do Dominicos no último duelo ante o Benfica
O Bassano remontou o inicial gol do Liceo e marchou ao descanso cun 2-1 a favor, aproveitando mellor as súas ocasións e castigando os erros defensivos do conxunto verdibranco que perdeu a Toni Pérez por lesión. Adiantouse o conxunto liceísta co tanto de César, pero os italianos remontaron cos tantos de Scuccato e de Riba.
Nada máis comezar o segundo tempo, os de Juan Copa lograron empatar 2-2 e remontar para gañar por 2-3 con dous goles de Arnau Xaus. O Liceo alcanza os once puntos na competición.
Unha vez completada esta proba en Italia, o equipo regresa rápidamente a Galicia para centrarse no duelo do domingo 1 de marzo.
Non será un calquera, posto que implicará o enfrontamento do actual líder da OK Liga contra o segundo clasificado: o Igualada. Será ás 12:00h no Pazo dos Deportes de Riazor.