Barcelona-Real Madrid, un clásico para decidir a ACB
Que a final da ACB ía ser un Barcelona-Real Madrid era máis que previsible. Os seus orzamentos impiden alternativas nunha liga á que lle falta frescura nesa zona máis alta. Por iso hai que gabar o esforzo do Joventut para pelexar unha seria na que tiña todas das de perder. Gañou un partido e no último, no cuarto, ofreceu resistencia. Sobre todo cun excelente primeiro cuarto, no que obtivo vantaxe da man de Ante Tomic e do puxante Joel Parra, e un segundo que ofreceu unha das frecuentes desconexións ofensivas do Barcelona, pois só puido anotar seis puntos. Ao descanso, os de Jasikevicius só anotaran seis canastras de 35 intentos.
Tras o intermedio viuse outro Barcelona. Higgins comeza a recuperar o seu nivel e nótase. El e Mirotic, dirixidos maxistralmente por Calathes, déronlle a volta ao partido no terceiro cuarto e lideraron a fuxida ata un máis oito cando quedaban catro minutos para o final. Willis, con oito puntos seguidos, prolongou o soño verdinegro. Conseguiu empatar de novo o partido. Pero, como sucedera no terceiro encontro, apareceu Calathes para anotar unha canastra definitiva. Castigou a un Joventut sen acerto no último minuto, e cun adestrador que pagou a súa frustración co técnico rival.