A sarna, unha doenza case esquecida, reaparece cun incremento de casos
Unha clínica de Santiago atende entre seis e oito casos á semana, ás veces máis
Os tratamentos modernos perden eficacia e algúns dermatólogos aconsellan volver os antigos
Din os dermatólogos que desde que a pandemia de covid obrigou ao confinamento de familias enteiras están a aumentar os casos de sarna, unha doenza cutánea case esquecida que non é grave pero si molesta. Unha clínica compostelá, por exemplo, atende entre seis e oito casos semanais, ás veces máis.
"É un problema que vemos acotío en Galicia. Eu onte atendín cinco pacientes, cinco doentes con sarna, o cal é inusitado e fálase pouco", di Emilio Del Río, dermatólogo.
Segundo este dermatólogo, o aumento de contaxios pode deberse tamén á perda de eficacia dos tratamentos.
"A maioría das sarnas de agora son resistentes os tratamentos máis modernos, e temos que volver aos tratamentos antigos, que son os que non fallan e son eficaces", asegura o doutor Del Río.
A doenza, provocada por un ácaro, non é grave e non hai motivo para a alarma, explica este dermatólogo, pero convén tela en conta para frear a propagación.