Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aumenta a perforación de pozos de barrena ante a seca

Aumenta a perforación de pozos de barrena ante a seca

De mantérense as condicións atmosféricas actuais, preocupa o nivel dos pozos para  o outono 

Imaxe da boca dun pozo de barrena na parte final da perforación para a captación de auga
G24.gal 22/07/2022 14:10

Parte do subsolo no territorio de Galicia reflicte que a cantidade de chuvia que caeu desde o inverno foi moi inferior á habitual. Os pozos artesáns son testemuñas de que hai que procurar alternativa para a subministración de auga, e os seus usuarios acoden máis aos profesionais da perforación de pozos de barrena e captación de auga.

José Manuel Guerra, xerente de Sondeos Guerra: "Observo que desde hai dúas semanas para aquí estamos a ter máis chamadas. Teñen unha gran preocupación, paréceme a min, pola seca que se aproxima".

As empresas dedicadas á perforación do terreo están, como adoita pasar en verán, moi ocupadas na captación de auga. Ata o punto de que algunhas mesmo non poden atender toda a demanda que teñen porque non encontran persoal cualificado para esta actividade. É algo do que se laia José Manuel, dedicado a isto desde hai 40 anos. A súa traxectoria permítelle proporcionar datos que lembran que o quecemento do planeta vai afondando a capa freática.

"Observamos que hai que baixar máis nas perforacións. Os pozos non son de trinta metros como se facían hai corenta anos ou trinta. Agora son máis profundos; a auga está máis profunda, pero segue a saír auga, si", sinala Guerra.

Desde a súa experiencia na procura dese elemento vital para o consumo humano e necesario para a industria, agoira que estamos ante malas perspectivas inmediatas sobre a súa escaseza e lembra a última gran seca en Galicia.

"No 90, 92, houbo unhas secas importantes. Importantísimas. Consecutivas. E este ano leva toda a pinta de ser como ese ano. Este é un ano que non chove no inverno e creo que os meses de setembro e outubro van ser preocupantes no tocante á seca dos pozos".

Ante esa posibilidade, e coñecidos os efectos da crise climática, o consumo de auga dun xeito responsable debería practicalo cada quen sen máis demora como prevención ante males maiores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade