O dereito da infancia á desconexión dixital
O Movemento Off convocou concentracións nunha ducia de cidades para advertir dos riscos das tecnoloxías dixitais
Reclaman unha infancia analóxica e que a rapazada non teña acceso ás redes sociais ata a maioría de idade
O dereito da infancia á desconexión dixital mobilizou esta mañá a nais, pais, docentes e psicólogos que se agrupan no Movemento Off. Reclaman que é urxente protexer a saúde dos menores, controlar o uso dos dispositivos dixitais na escola e na casa e frear as adicións á tecnoloxía.
Os estudos científicos constatan que o mal uso tecnolóxico fixo aumentar nos últimos anos os problemas de saúde físícos, psicolóxicos e emocionais dos cativos. A normalización da violencia, dificultades de interacción social, ciberacoso e problemas no desenvolvemento cognitivo son algúns dos riscos que conleva o abuso tecnolóxico e que as familias queren limitar.
"Unha das cousas que pedimos é que os menores estean libres de redes sociais, que ata os 18 anos non deberían ter acceso a elas. Sobre todo nas nenas os danos son terribles. A media de consumo de pornografía está en oito anos. Mirémolo de fronte, son os nosos fillos. Moitas nais e pais cren que os seus fillos son bos porque non saen do cuarto. Nese cuarto, se hai pantallas, é o sitio máis perigoso onde poden estar. Non é o que eles buscan é o que o algoritmo lles oferta", advirte Menchu Outón, profesora e voceira do Movemento Off en Santiago.
Reclaman ademais que se desdixitalice a educación, que se estableza unha idade mínima legar para o acceso aos teléfono móbiles e que familias, docentes e alumnado reciba formación sobre as consecuencias do mal uso das tecnoloxías.
"Dereito a unha infancia sana, á desdixitalización, a que os nenos teñan tempo de medrar, de ler e mellorar a súa convivencia na casa e na escola. E despois, irlle dando as tecnoloxías. Todos os que crean as redes, os que están no Silicon Valley, non llo dan aos seus fillos, polo tanto non lles poñamos as nosas fillas en bandexa de prata", reclama Outón.
As concentracións celebradas nunha ducia de cidades tratan de sensibilizar cada vez a máis familias e axentes sociais para que se impliquen nun cambio global.