Aumenta a doazón de órganos e descenden os transplantes en Galicia
Os hospitais galegos son terceiros na clasificación de transplante de pulmón
Hoxe fíxose balance dos transplantes e doazóns de órganos que se levan feito en 2021. Tendo en conta a situación de pandemia, o número de doazóns en Galicia medrou lixeiramente, son 112 as doazóns de órganos, dúas máis con respecto ao ano anterior.
Pola súa banda, os transplantes foron 298 os que se fixeron na nosa comunidade, produciuse un descenso que desde o Servizo Galego de Saúde achacan precisamente á pandemia, pero tamén ao descenso significativo no número de intervencións de fígado pola súa complexidade técnica, que é moi alta.
Aínda así, Galicia acada e supera o obxectivo que marca a Organización Nacional de Transplantes, e son os hospitais galegos os terceiros na clasificación do transplante de pulmón.
En xeral, nos últimos anos Galicia mudou de comportamento con respecto ás negativas familiares da non doazón.
"Isto pon en valor o cambio de paradigma na sociedade galega, onde 85 de cada 100 familias din si á doazón" di Marisa López García, directora da Axencia de Doazón de Órganos, Sangue e Tecidos.