Publicador de contidos

Audasa reclamará máis de mil millóns de euros se lle quitan a concesión da AP-9

Audasa reclamará máis de mil millóns de euros se lle quitan a concesión da AP-9

A concesionaria reclama 46,2 millóns ao Goberno por vía contencioso-administrativa como compensación pola perda de tráfico polo estado de alarma

G24.gal 03/11/2021 19:32

Audasa, concesionaria da AP-9, avisa de que pedirá unha indemnización de máis de 1.000 millóns de euros no caso de que se chegue a anular o contrato da autoestrada. Responde, deste xeito, ao procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea contra España por incumprimento da normativa comunitaria ao autorizarse a prórroga desta infraestrutura sen unha licitación pública.

Así figura nun folleto remitido á Comisión Nacional de Mercado de Valores (CNMV) a finais do mes de outubro con motivo dunha emisión de obrigas que fará en novembro por importe de 300 millóns.

Deste xeito, a compañía advirte de que "calquera medida que puidese contemplar a modificación ou terminación do vixente contrato de concesión por causa non imputable a Audasa e por razóns de interese público implicaría, en todo caso e conforme á lexislación vixente, o dereito de Audasa a ser debidamente indemnizada".

Ao seu xuízo, esa indemnización "sería significativamente superior ao importe actual da súa débeda". A peche de 2020 o seu endebedamento bruto sitúase en 1.065 millóns de euros, segundo figura neste documento.

Neste folleto publicado na CNMV, Audasa tamén reclama 46,2 millóns de euros ao Goberno pola perda de ingresos no primeiro estado de alarma. Neste caso, informa de que esta solicitude foi rexeitada por vía administrativa polo Ministerio de Transportes, de modo que a compañía iniciou un procedemento contencioso-administrativo. Así mesmo, detalla o "impacto negativo" nos niveis de tráfico pola pandemia. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade