Publicador de contidos
Publicador de contidos

Atrasos, maletas en terra e cancelacións, na terceira xornada de folga en Iberia

Atrasos, maletas en terra e cancelacións, na terceira xornada de folga en Iberia

Iberia cancelou para este domingo once voos entre Galicia e Madrid

A última hora da tarde cancelaban no aeroporto Rosalía de Castro de Compostela o voo con destino a Bilbao

G24.gal 07/01/2024 20:58 Última actualización 07/01/2024 21:44

Domingo de operación retorno nos aeroportos, complicada nalgúns casos pola folga dos traballadores do servizo de asistencia en terra de Iberia. Segundo AENA, entre as chegadas e as saídas, para este domingo estaban previstos algo máis dun cento de voos nos tres aeroportos galegos.

Nesta terceira xornada de paros, Iberia cancelou once voos entre Galicia e Madrid. A última hora da tarde cancelaban no aeroporto Rosalía de Castro de Compostela o voo con destino Bilbao.

"A verdade é que todo ben, saímos á hora, cambiáronme dúas veces o voo, a priori ía chegar onte, ao final chegamos hoxe, pero puidemos cambiar ben e sen problema. Eu tiña a posibilidade de cambialo, outras persoas seguramente non tiñan esa posibilidade", comentaba un viaxeiro que chegaba a Compostela desde Barcelona.

A medida que pasaba a xornada comezaban os atrasos de máis de tres horas en diferentes aeroportos, coma o de Gran Canaria, Barcelona ou Bilbao.

"Levamos esperando tres ou catro horas, a miña irmá a esta hora aínda non facturou e xa tiña que saír o seu avión".

"Mañá os nenos teñen colexio, temos que ir traballar e non sei como imos chegar", dicían outros pasaxeiros.

Entre as imaxes da xornada, a de moreas de maletas sen cargar e pendentes de chegar aos seus destinos.

"Dixéronme que non había problema, que a carga das maletas a facía outra empresa e que aquí xa ma darían, pero non foi así".

"Toda a ringleira que ía a Barcelona quedou coas maletas no chan", comentaron varios viaxeiros.

Iberia cifra o seguimento da folga nun 20,2 % de media e asegura que a puntualidade dos voos foi do 82 %. Os sindicatos convocadores dos paros valoran establecer novos días de folga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade