Publicador de contidos

Publicador de contidos

Atracan unha gasolineira de Muros ameazando a traballadora cun bate

Atracan unha gasolineira de Muros ameazando a traballadora cun bate

Os asaltantes usaron un vehículo roubado e ían co rostro cuberto

Levaron os cartos do cambio e algúns obxectos do mostrador

G24.gal 29/01/2026 14:13

Eran preto das sete da mañá e a traballadora desta gasolineira de Baño, en Muros, dispoñíase a abrir despois dunha noite de temporal que os deixou ás escuras.

"Cando miña compañeira entrou a primeira hora, non había luz polo temporal. Entrou para ir ao cadro de luces e chegaron dúas persoas cun bate, empurrárona e levaron os cartos da caixa". 

O empurrón á traballadora e a secuencia do atraco quedou perfectamente gravado polas cámaras de videovixilancia do local, en que tamén se ve que ían co rostro cuberto.

"Eran tres, un quedou no coche e os outros dous entraron coa cara cuberta e un bate, e o coche semella que era roubado".

Armados co bate e unha pata de cabra, pedíronlle as chaves da caixa forte, pero só a empresa de seguridade ten acceso a ela. Así que se conformaron con levar o cambio da caixa rexistradora.

"Levaron pouca cantidade, aínda non abrira, entón só o que se deixara de cambio".

Un botín de menos de 300 euros que completaron cunhas gomas de mascar, dúas bonecas e unha rosa de chocolate que roubaron do mostrador. A Garda Civil investiga o caso, pero xa transcendeu que o vehículo dos asaltantes fora roubado o domingo en Carballo. Aínda co susto no corpo, aquí agardan que os collan canto antes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade