Atracan cun rifle unha sucursal bancaria de Burela
O atracador actuou a plena luz do día e a cara descuberta, e fíxose cun botín pequeno: 90 euros que tiñan para cambio
Unha hora despois era detido na estación de autobuses de Viveiro pola Policía Nacional

Atracan cun rifle unha sucursal do BBVA da rúa Eijo Garay, moi preto da casa consistorial de Burela. O atracador chegou á oficina a cara descuberta e ameazou o director. O atracador entregoulle un papel a un traballador da sucursal, no cal lle indicaba que era un atraco e que lle entregase todo o diñeiro que tivese á súa disposición.
Este, atemorizado, entregoulle as moedas que tiñan para cambio, uns 90 euros. Aínda que a cantidade non era moi grande, o home abandonou o local.
Unha hora máis tarde, un garda civil fóra de servizo identificou o sospeitoso nas inmediacións da estación de autobuses de Viveiro, onde finalmente foi detido pola Policía Nacional. O detido é un home de nacionalidade peruana con domicilio en Vigo.
Ao final todo quedou nun gran susto e os traballadores da sucursal non sufriron ningún dano. A entidade facilitoulle aos investigadores as grabacións para que podan esclarecer este delito. A investigación lévaa a policia xudicial de Lugo.
A Garda Civil atopou nun local de hostalería próximo unha mochila con documentación que se lle atribuíu ao autor, o cal o día anterior estivera no restaurante e, tras tomar varias consumicións, abandonara o lugar apresuradamente sen abonar o importe.