Atopan un sesaxenario que vivía só tras varios días morto na súa casa da Coruña
Ninguén o botou en falta
Alertados polo forte cheiro, os veciños alertaron a Policía Local
O mal cheiro percibido por varios veciños dun edificio da rúa Antonio Ríos, no barrio do Castrillón, levounos a avisar a Policía Local. Os axentes desprazados foron pedíndolles a todos que ventilasen, pero nun dos quintos non obtiveron resposta. No interior vivía só un home de 68 anos que estaba morto.
Cando a Policía Local, coa axuda dos bombeiros, lograron acceder ao interior, atoparon o seu cadáver en avanzado estado de descomposición, o que leva a pensar que levaba morto máis de dúas semanas.
Os residentes do inmoble, alertados polo forte cheiro, que onte xa era insoportable, segundo din, decidiron chamar a policía porque non eran quen de localizar o foco. Tampouco se lles pasou pola cabeza que o seu veciño puidese levar días morto dentro da casa porque, segundo explicaron, o seu coche levaba aparcado e sen moverse, arredor dun ano, no garaxe do edificio. Pero como ás veces ía a Madrid, crían que estaría fóra.
Fontes municipais confirman que o home faleceu de xeito natural. Trátase dun novo caso de morte en soidade. Unha problemática que se está a sufrir con especial incidencia entre a poboación maior de 65 anos.
"Dá moita pena morrer así. E nesta rúa xa van varios. É unha mágoa e unha tristeza". "Iso é o peor, que non tivese a ninguén que se preocupase por el". "Un veciño chamou polo forte cheiro que había. E cando os bombeiros abriron a porta xa o atoparon e, ao parecer, levaba un mes... de aí o forte cheiro", comentan os veciños do inmoble.