Atopan un pé humano na casa da muller de Cortegada que confesou un asasinato
Ela mesma guiou os axentes na procura de restos humanos
Sospeitan que o home se trate dun catalán de 50 anos ao que coñeceu por Internet
Atopan restos humanos na casa da muller de Cortegada que declarou que queimara e soterrara o cadáver dun home co que mantivo unha relación.
A Policía Xudicial da Garda Civil atopou esta tarde nos rexistros un pé humano que estaba soterrado nuns terreos da propiedade da muller, pegados á súa casa. Ela mesma guiou os axentes na procura de restos humanos despois de que declarase no Complexo Hospitalario de Ourense, en psiquiatría, que calcinara e soterrara un home co que mantivo unha relación.
Coa colaboración da muller detida e coa axuda de cans adestrados, a Garda Civil atopou a última hora desta tarde restos humanos soterrados nos terreos da casa onde ela vive. Os axentes estiveran dende primeira hora facendo rexistros nesta vivenda de Rabiño.
Foi despois de que a muller, de 26 anos, contara nunha consulta de psiquiatría no Complexo Hospitalario de Ourense que queimara e soterrara un home co que mantiña unha relación. Declarou que o atopou falecido, que non soubo que facer e desfíxose do cadáver. A Garda Civil investiga as circunstancias da morte.
Sospeitan que o home se trata dun catalán duns 50 anos, a súa familia denunciou a súa desaparición no verán. Presuntamente, ambos coñecéranse por Internet e el veu para onde ela a esta aldea de Cortegada. Varios veciños din que o viron neses días de finais de agosto por Rabiño.
O caso está baixo segredo e está previsto que a muller pase a disposición xudicial nas vindeiras horas.