Atopan un home que levaba morto máis dun mes no seu piso de Vigo
O falecido tiña 73 anos e vivía so nun edificio da rúa Zamora
Unha veciña deu a voz de alarma ao detectar un forte cheiro no relanzo
A policía atopou o cadáver despois de que unha veciña alertara dun intenso cheiro a podremia no piso terceiro deste edificio da rúa Zamora. Primeiro pensaron que o veciño deixara o lixo dentro, pero ao non responder as chamadas, ter o caixón do correo cheo e o coche no garaxe, pasaron a sospeitar o peor.
"Foi a veciña do lado a que sospeitou polo cheiro forte. Era o veciño do terceiro B, levaba morto máis dun mes, ou dun mes e medio", di un habitante do edificio.
O falecido tiña 73 anos e vivía só no bloque. Malia que tiña bo trato cos veciños ninguén mantiña relación estreita, polo que non se decataron do tempo que levaban sen velo. Todo apunta a que morreu na cama por causas naturais.
"Tiña a porta da rúa pechada con chave, as persianas do dormitorio baixadas, supoñemos que foi de noite".
Como a porta estaba pechada foi necesaria a intervención dos bombeiros. Despois os sanitarios confirmaron a súa morte a agardaron á que a xuíza levantara o cadáver, que estaba en avanzado estado de descomposición.
"Os bombeiros entraron con máscara de osíxeno, despois viñeron os médicos e ao pouco o coche fúnebre, aí soubemos os que estabamos na rúa que estaban sacando un morto que, ao parecer, levaba tempo".
A Fundación Amigos de Galicia alerta dun alarmante incremento de maiores que aparecen mortos nos seus domicilios sen que ninguén os bote en falta. Estiman que en 2023 houbo 38 casos na nosa comunidade e en 2024, 47. A maioría en zonas urbanas, onde a soidade non desexada pasa máis desapercibida que no rural.