Atopan por primeira vez un polbo con nove raxos
O achado podería ter implicacións para a neurociencia, a conservación mariña e a bioenxeñería
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) documentou en augas de Eivisa o caso máis completo xamais rexistrado dun polbo cun brazo bifurcado funcional no seu hábitat natural.
O achado, do que se dá conta na revista Animals, é froito de cinco meses de seguimento do exemplar por parte de persoal do grupo ECOBIOMAR do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC, Vigo) e do Centro Oceanográfico de Baleares (COB-IEO-CSIC) no marco do proxecto ECOSUMA, financiado polo Ministerio de Ciencia,
“Os polbos posúen brazos flexibles con numerosas células nerviosas, o que lles permite explorar e interactuar coa súa contorna de formas únicas.
En ocasións, estes animais desenvolven características inusuais, como brazos adicionais ou divididos, pero sábese pouco sobre como afecta isto o seu movemento e comportamento. Este estudo examinou un polbo salvaxe cun brazo dividido de forma natural, utilizando gravacións de vídeo submarinas para observar como usaba os seus brazos ao longo do tempo”, explican os autores do estudo.
A investigación empregou métodos de cuantificación do comportamento para describir e examinar o repertorio condutual deste individuo único a través de vídeos submarinos.
Prestouse especial atención aos comportamentos e accións que implican o uso dos brazos, con especial énfase nos dous brazos bifurcados.
As preguntas de investigación foron: A presenza dun brazo bifurcado completamente funcional altera o comportamento de Octopus vulgaris? En que medida se utiliza o brazo bifurcado en diferentes comportamentos? Cambia o uso dos brazos co tempo?
Os resultados mostraron que os brazos divididos se usaban inicialmente máis para accións debaixo do corpo, pero volvéronse menos especializados a medida que o polbo crecía, e disponse de vídeos dun cefalópodo vivo cun brazo bifurcado completamente funcional en estado salvaxe o que permite describir e analizar esta anomalía.
“Este fito revela non só a rexeneración inusual dun brazo dividido en dous, senón tamén o uso diferenciado e adaptativo de ambos os brazos rexenerados, unha fazaña sen precedentes en cefalópodos.
O exemplar, un macho de Octopus vulgaris, presentaba signos de sobrevivir a un ataque previo, perdendo varias extremidades.
Durante a rexeneración, un dos seus brazos (R1) bifurcouse, xerando dous apéndices separados: R1a e R1b. Ambos creceron co tempo e foron usados de maneira especializada: un con maior frecuencia en alimentación e outro en comportamentos exploratorios”, explican os autores do estudo.
A bifurcación de brazos describírase antes desde un punto de vista anatómico, pero este é o primeiro estudo que documenta como se usan eses brazos rexenerados e bifurcados nunha contorna salvaxe.
“Esta documentación suxire dúas cuestións fundamentais. En primeiro lugar, ao principio os brazos bifurcados eran usados para tarefas próximas ao corpo, pero co tempo a súa participación en accións máis complexas aumentou, o que suxire unha adaptación progresiva e específica. En segundo lugar, os brazos danados foron usados con menor frecuencia en condutas arriscadas, o que podería apuntar a unha forma de memoria da dor ou aprendizaxe por experiencia”, explican.
Por outra banda, a observación dun uso lateralizado e altamente individualizado dos brazos en tarefas específicas pon en evidencia a sorprendente plasticidade motora do polbo.
“O feito de que este polbo adapte o seu comportamento e reorganice o uso dos seus brazos de forma funcional suxire mecanismos neuronais complexos que poderían inspirar novas aplicacións en robótica, neurociencia e medicina rexenerativa”, avanzan desde o equipo de investigación.
Estes achados suxiren que os polbos poden adaptar o uso dos seus brazos en función das lesións e a recuperación, posiblemente mostrando cambios na forma en que o seu sistema nervioso controla o movemento.
Segundo os investigadores, ábrense agora novos interrogantes sobre a especie, tales como de que forma o seu sistema nervioso integra novas extremidades, e novas vías de investigación sobre a neuroxénese en apéndices rexenerados ou sobre como o sistema nervioso central e periférico se reorganiza fronte a esas anomalías.
"Unha liña de investigación podería ser que sucede coas neuronas nun brazo de polbo perdido: se se redistribúen por todo o corpo ou simplemente se perden. Se se perden neuronas, rexenéranse lentamente? A presenza dun brazo adicional resulta no dobre do número habitual de neuronas rexeneradas?
Doutra banda, se as neuronas se redistribúen por todo o corpo e logo se distribúen de novo aos brazos a medida que crecen, cando un brazo se bifurcan, é posible que as neuronas só se distribúan nun brazo e non no outro?
De ser así, esta redistribución podería explicar por que a bifurcación normalmente resulta nunha extremidade non funcional.
Outras preguntas que xorden son: podería un polbo con brazos recentemente bifurcados estar a manexar con menos inervación e aprendendo eficazmente a usar estas extremidades de novo? Ou estas extremidades están completamente inervadas, pero simplemente inhibidas pola súa lonxitude?", avanzan os investigadores.