Confirman que o segundo cadáver atopado en Barcelona é o pai no neno morto na riada
O corpo apareceu a 800 metros do punto inicial, mentres que o menor foi localizado este domingo a seis quilómetros
A forte chuvia deixou máis de 100 litros por metro cadrado nos arredores de Barcelona

O cadáver que os bombeiros atoparon este luns na riera de Sant Quintí de Mediona, en Barcelona, é o do pai do neno que apareceu morto tamén a causa das riadas en Cataluña.
O corpo apareceu na mesma zona onde este domingo buscaban un home e o seu fillo tras ser arrastrados pola enchente repentina cando cruzaban co coche.
O presidente da Generalitat, Salvador Illa, confirmou o achado e expresou o seu pésame ás familias. Pediu ademais extremar a precaución e seguir as recomendacións de Protección Civil ante episodios meteorolóxicos como o vivido onte.
Un corpo difícil de localizar
Segundo explicou o xefe de intervención dos bombeiros, Guillem Amorós, o cadáver atopado este luns estaba medio cuberto por terra e vexetación, a só 800 metros do lugar onde a riada arrastrou o coche.
Pola contra, o corpo do neno, de entre 11 e 14 anos, apareceu a uns seis quilómetros de distancia.
Amorós subliñou que ese último dispositivo se desenvolveu en mellores condicións, xa que o caudal baixou de 60.000 litros por segundo a apenas 130 litros por segundo en só 24 horas.
Máis dun centenar de efectivos participaron na procura, que se concentrou nos primeiros seis quilómetros desde a urbanización Monterrey, en Mediona, ata Sant Pere de Riudebitlles, e logo ampliouse ao resto da riera ata a súa desembocadura no río Anoia.
Unha zona habitualmente seca que se converteu nunha trampa mortal
A riera de Mediona adoita estar case seca, con apenas un ou dous centímetros de auga, pero o ballón do domingo fixo que o nivel subise de forma brusca ata entre 2,5 e 3 metros de altura. En total, caeron máis de 100 litros por metro cadrado na área de Barcelona.
A conselleira do Interior, Núria Parlon, explicou que, segundo testemuños, o pai decidiu cruzar a riera malia as advertencias doutros veciños e quedou atrapado pola enchente.
Un aviso ás 18:32 horas alertou de que a auga estaba arrastrando un coche coas dúas persoas dentro. Ás 19:17 horas os servizos de rescate atoparon o vehículo baleiro e media hora despois localizaron o corpo do menor.