A intelixencia artificial loita contra si mesma: ciberataques máis perigosos e defensas máis seguras
A intelixencia artificial loita contra si mesma: ciberataques máis perigosos e defensas máis seguras
Os especialistas alertan de que coa IA se lanzan agresións máis sofisticadas, personalizadas e cribles
A cambio, esta ferramenta permite analizar máis datos e axuda a detectar información falsa
Amiga ou inimiga? A intelixencia artificial actúa xa en moitas accións da nosa vida cotiá, máis das que imaxinamos, apuntan os especialistas, pero non sempre co mesmo efecto. Pode ser unha arma que amplifique os ataques pero tamén un método para fortalecer os escudos. No sector da seguridade informática teñen claro que, a día de hoxe, a IA está presente en moitos dos ciberataques que se producen cada día. A intelixencia artificial permite mellorar as agresións, fainas máis sofisticadas, máis personalizadas, máis cribles.
"A clonación da voz, a clonación de vídeo... Podemos facer vídeos verosímiles que teñan impacto nas persoas e non somos quen de discernir se son verdadeiros ou non", explica o mánager de seguridade de información de Inprosec, unha das principais empresas galegas de ciberseguridade.
Pero os defensores tamén contan co seu propio servizo de intelixencia, tamén a intelixencia artificial. Nestes momentos existen métodos, incluso páxinas web gratuítas, onde un usuario pode comprobar se un vídeo está realizado con IA, por exemplo. O experto vigués Antonio Fernandes combate cada día con este tipo de materiais e fainos unha demostración cun caso moi coñecido: un vídeo no que Marta Ortega, a presidenta de Inditex, ofrecía unha suposta, e milagrosa, oportunidade de investimento.
"Hai uns anos isto enganou a moita xente", relata Fernandes, pero hoxe podes poñer o enlace nun detector e podes ver que moi probablemente é un vídeo falso".
Preguntámoslle á propia IA... e a súa contestación resulta ser moi semellante ao que din os profesionais:
"A intelixencia artificial favorece ou evita os ciberataques?", consultamos en ChatGPT.
"A intelixencia artificial (IA) pode tanto favorecer como evitar os ciberataques, dependendo de como e por quen é utilizada", responde a web. "É unha ferramenta poderosa, pero neutral en si mesma. O seu impacto na ciberseguridade depende de quen a usa e con que propósito. As organizacións deben investir non só en IA defensiva, senón tamén en ética, educación e regulacións que eviten o seu uso malicioso".
Axente dobre
O mesmo poder que permite que a IA amplifique as capacidades dos ciberdelincuentes pode servir para aumentar as fortalezas dos defensores. Ben utilizada, esta ferramenta axuda a revisar as agresións máis rápido e con máis precisión. A intelixencia artificial permite analizar cantidades enormes de datos e extraer conclusións.
"Ao longo do día un ordenador conectado á Internet ten milleiros de ataques. Se tiveras que ter unha persoa vendo todos, analizando cada un dos intentos, sería difícil. Coa IA podemos sacar patróns e ver se é verdade, se é un falso positivo, se funciona ou non", explica o experto Antonio Fernandes.