Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta publica este martes a norma para que os afectados por incendios non teñan que adiantar taxas

A Xunta publica este martes a norma para que os afectados por incendios non teñan que adiantar taxas

A futura lei de medidas incluirá vantaxes fiscais para damnificados

A orde adóptase para evitar que os afectados polos incendios teñan que adiantar o pago das taxas no momento da solicitude da prestación do servizo, de modo que logo non teñan que solicitar a devolución dos importes ingresados

Zonas afectadas polo incendio de Pantón (Carlos Castro-Europa Press) Zonas afectadas polo incendio de Pantón (Carlos Castro-Europa Press)
G24.gal 22/09/2025 18:58

A Xunta publicará este martes, 23 de setembro, a orde pola que os afectados por incendios non terán que adiantar taxas na tramitación de procedementos. Esta medida vai ligada ás vantaxes fiscais que o Consello aprobará na lei de medidas proximamente.

A orde adóptase para evitar que os afectados polos incendios teñan que adiantar o pago das taxas no momento da solicitude da prestación do servizo, de modo que logo non teñan que solicitar a devolución dos importes ingresados.

Deste xeito, a Xunta busca aliviar os custos fiscais derivados das actuacións dos particulares como consecuencia dos incendios deste verán en Galicia.

"A orde establece a ampliación do prazo de pago das taxas ata o 5 de xaneiro de 2026, aplicable ás taxas devindicadas polos supostos de feito que se realicen como consecuencia dos incendios nos casos en que o pago sexa previo á entrega do ben, á realización da actividade ou á prestación do servizo da Administración gravado pola taxa. Con este trámite, os afectados poderán recibir a prestación do servizo sen realizar o pago", explica a Xunta.

Así, poderán ampliar o prazo de ingreso as persoas que teñan o seu domicilio fiscal nos concellos afectados polos referidos incendios, así como aquelas con instalacións ou negocios establecidos neles.

As persoas interesadas deberán presentar a autoliquidación mediante un modelo especial, no que deben indicar que están afectados polos incendios e domiciliando o pago do importe correspondente. Este modelo especial vai estar dispoñible na Oficina Virtual Tributaria (OVT) da Atriga para a súa descarga.

Ademais de ampliar prazos para a presentación de declaracións, autoliquidacións e documentación, os afectados por incendios contarán na futura lei de medidas fiscais con vantaxes como unha redución da carga do canon da auga derivado do consumo usado para a extinción de incendios, así como para aliviar a carga fiscal en procedementos por mor dos incendios.

A Xunta tamén pide ao Ministerio de Facenda un apoio fiscal a damnificados para evitar que "as persoas afectadas teñan que asumir a carga fiscal asociada ás actuacións realizadas para volver á súa vida normal".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade