Estabilizado o incendio de Pantón, que arrasou máis de 2.000 hectáreas, e controlado o de Lobios
Para a súa extinción mobilizáronse, de forma acumulada, 156 axentes, 182 brigadas, 116 motobombas e tamén efectivos da UME

O incendio rexistrado o xoves da pasada semana no municipio lucense de Pantón, parroquia de Pombeiro, e que afecta a unha superficie dunhas 2.000 hectáreas --parte delas no concello limítrofe de Sober-- quedou estabilizado ás 19,16 horas da tarde deste luns.
Diso informou a Consellería do Medio Rural, que explicou tamén que na tarde deste luns quedou desactivada a situación dúas ao considerar que xa non existe perigo para os núcleos de poboación.
Para a súa extinción mobilizáronse, de forma acumulada, 24 técnicos, 156 axentes, 182 brigadas, 116 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 12 avións. Neste incendio colaboraron os efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Pola súa banda, en Ourense, quedou controlado ás 19:59 horas do domingo o incendio iniciado ás 5:09 horas dese mesmo día no concello de Lobios, parroquia de Río Caldo, que se rexistrou en dous puntos.
Segundo as últimas estimacións, afecta ao redor de 3,5 hectáreas, parte delas dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.
Para a súa extinción mobilizáronse 20 axentes, 33 brigadas, 13 motobombas, 4 helicópteros e 2 avións. Neste incendio contouse coa colaboración de medios portugueses.