Publicador de contidos

Publicador de contidos

Atopan na illa de Tambo restos que confirman a pegada humana desde a Idade do Bronce

Atopan na illa de Tambo restos que confirman a pegada humana desde a Idade do Bronce

Traballos arqueolóxicos documentan evidencias de ocupación continuada na illa ao longo de distintos períodos históricos, desde a Idade do Bronce ata a presenza militar do século XX

Traballos arqueolóxicos realizados na illa de Tambo. EFE. Concello de Poio Traballos arqueolóxicos realizados na illa de Tambo. EFE. Concello de Poio
G24.gal 20/12/2025 14:15

Os traballos arqueolóxicos realizados nas últimas semanas na illa de Tambo, en Poio (Pontevedra), confirmaron a presenza humana neste enclave, situado en plena a ría de Pontevedra, polo menos desde a Idade do Bronce.

Estas novas escavacións en diferentes puntos da illa revelaron a existencia dun conxunto de restos patrimoniais de "gran valor histórico e científico", segundo anunciou este sábado o Concello de Poio, titular da illa.

As actuacións, realizadas por Tempos Arqueólogos, incluíron tarefas de prospección arqueolóxica intensiva e a realización de sondaxes valorativas. Estes traballos permitiron documentar evidencias de ocupación continuada na illa ao longo de distintos períodos históricos, desde a Idade do Bronce ata a presenza militar do século XX.

Con anterioridade a estas novas escavacións, xa se coñecían indicios dunha ocupación antiga da illa, como o petróglifo localizado na roca Tafoni ou os niveis constatados no perfil da praia nos anos 90. A estes datos sumouse o achado dun fragmento de tégula, que apuntaba á posibilidade dunha ocupación entre a Idade Antiga e a Alta Idade Media.

As escavacións realizadas nas últimas semanas, segundo o goberno municipal de Poio, permitiron ampliar e confirmar estes datos. A cata feita na contorna do xacemento de Area da Illa permitiu documentar unha posible fogueira ou fogar asociada a niveis interpretados nos anos 90 como momentos pertencentes ao Bronce Final, en torno ao ano 1.200 antes de Cristo.

Do mesmo xeito, a cata realizada na contorna do Castro de Tambo permitiu recuperar material da Idade do Ferro, corroborando a ocupación da illa neste período. Pola súa banda, nas inmediacións da fonte de San Miguel, os arqueólogos lograron recuperar material romano nun contexto primario, o que confirma a presenza romana na illa.

Outra das sondaxes achegou tamén resultados positivos co rexistro de material cerámico de cronoloxía medieval, cun contexto pechado asociado a estruturas documentadas no ano 2023 no alto da illa.

Estas estruturas interprétanse como parte dun posible complexo ermitán, unha hipótese baseada nas fontes escritas, entre elas Frei Martín Sarmiento, quen fixo referencia á presenza de ermitáns e monxes e á ocupación continuada do territorio da illa.

Os traballos completáronse cunha nova sondaxe no interior do antigo lazareto, co obxectivo de ampliar o coñecemento sobre a súa construción e os usos posteriores ao seu abandono a finais do século XIX.

Esta nova intervención arqueolóxica na illa de Tambo foi impulsada pola Xunta de Galicia e o Concello de Poio para afondar no coñecemento histórico deste espazo. A través do convenio asinado, a administración autonómica financia o 100 % dos traballos, cun orzamento total que ascende a preto de 30.000 euros. 

EFE. Concello de Poio EFE. Concello de Poio
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade