Publicador de contidos

Publicador de contidos

Atopan dúas tartarugas perdidas a poucos quilómetros de distancia en Meirás

Atopan dúas tartarugas perdidas a poucos quilómetros de distancia en Meirás

A asociación de veciños difundiu a información e os animais xa teñen un novo fogar

As familias están aprendendo a marchas forzadas: "Deille filete de porco, que lle gusta máis ca o de tenreira"

G24.gal 06/05/2025 14:42

Paso a paso... explorando a contorna, afacéndose ao seu novo fogar, á nova familia de adopción, a novos amigos. Chámase Pipa, ou Pepe, porque aínda non teñen claro se é macho ou femia. 

"Puxeron na asociación que aparecera unha tartaruga e se alguén a quería, e eu díxenlle que a quería eu. Eu penso que é macho porque ten o rabo bastante grande", conta Isabel. 

Isabel adoptou a Pipa, ou Pepe, e María quedou, en acollida temporal, con Burocracia, un nome elixido con imaxinación e moita retranca.

"A que atoparon María e Xosé estaba en Meirás, no cruceiro subindo para a igrexa, e eu atopeina na estrada que vai de Meirás a Santa Cruz. Hai uns dous quilómetros. O que teño ganas é de atopar a alguén que a queira e que a coide ben", explica María. 

Na casa de Isabel os cariños están asegurados. Está metida de cheo nun curso acelerado sobre tartarugas. 

"Collín no bazar chinés unha bañeira de bebés para meterlle auga, porque lles gusta moito estar por fóra pero tamén na auga, e poñereille unhas pedriñas e un pouco de céspede. Boteille uns cachiños de filete de porco porque creo que lles gusta máis que a tenreira e tampouco mo comeu, que o ten todo alí. Onte non comeu nada, nin gambas nin nada, pero cando quere comer, come, que estou con ela, e come".

A grande incógnita é saber de onde saíron esas dúas tartarugas... grandes... xa de idade.

"As tartarugas non aparecen soas. Escaparían porque estas móvense por todos os lados. Ao mellor alguén deixou o portal aberto e fuxiron e aí están", aventura Tita Chas, a presidenta da Asociación de veciños de Meirás.

"Están acostumadas a estar con xente porque fálaslles e miran, cando te achegas quedan mirando. Non se asustan", engade María. 

Cando aparece un animal silvestre recoméndase avisar o 112, o Seprona ou algún dos servizos de protección de fauna. Neste caso non foi preciso, porque están domesticadas e non puideron atopar mellor fogar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade