Atios gaña por terceiro ano consecutivo o concurso de rondallas do IFEVI
Pontellas, tamén do Porriño, e Santa Eulalia de Mos ocuparon o segundo e o terceiro posto
Os abandeirados de Valadares recibiron o primeiro premio na súa categoría, seguidos de Parada (Nigrán) e Pontellas
Récord de participación na edición deste ano con 17 agrupacións e un total de 1500 compoñentes
A rondalla da parroquia Santa Eulalia de Atios, do concello do Porriño, gañou o concurso de rondallas celebrado este sábado no recinto feiral de Vigo.
Repite o mesmo posto das dúas edicións anteriores, confirmando o seu dominio absoluto entre estas agrupacións de música tradicional, tan propias do sur da provincia de Pontevedra.
A oitava edición deste xa clásico certame, que pon fin aos actos do Nadal, rexistrou un récord de participación, con 17 rondallas de oito concellos da área viguesa (Vigo, Mos, O Porriño, Gondomar, Nigrán, Baiona, Redondela e Tui).
Masiva foi tamén a afluencia de público, que abarrotou o Ifevi, coas 6.500 entradas postas a venda por 3 euros esgotadas días antes da celebración do evento.
A primeira rondalla
En 1917 está datada a primeira rondalla, na parroquia viguesa de Zamáns. Naceron vencelladas ás organizacións agrarias do sur de Pontevedra. Hai documentadas unhas cen rondallas en doce concellos distintos, todos da área metropolitana de Vigo.
É unha tradición musical ligada á festividade de Reis que de novo está collendo pulo, grazas á película Rondallas, de Daniel Sánchez Arévalo, participada pola TVG, e que está a rexistrar boas cifras de recadación, con 150.000 espectadores desde a súa estrea o día 1 de xaneiro.