Atendidas seis persoas en Vilanova e na Coruña por accidentes domésticos
Tres veciños de Vilanova tiveron que ser atendidos no hospital do Salnés por inhalación de fume ao se lles incendiar a lavalouzas
Na Coruña, a mala combustión dun electrodoméstico deixa tres persoas intoxicadas

Tres persoas foron trasladadas ao Hospital do Salnés por inhalación de fume logo de rexistrarse un incendio na súa vivenda de Vilanova de Arousa.
Ocorreu este luns minutos antes das 02:30. Unha das afectadas chamou ao 112 Galicia e advertiu que había moito fume na planta superior da súa vivenda, situada na Estrada de Ponte Arnelas (Tremoedo).
"O normal, puxen o lavalouzas e marchei para a cama sobre a unha da mañá. Eu durmo na planta de riba e despertei sobre as dúas con todo cheo de fume, que nin se podía respirar", conta Lucía Piñeiro, a principal afectada.
No momento do incidente, estaban dentro outro adulto e un neno que non eran capaces de saír ao exterior. Malia o susto, a muller reaccionou ben.
"Eu xa non puiden. Tiven que cambiar de cuarto e sacar a cabeza para respirar e chamar ao 112. Igual puiden facelo mellor pero no momento non me podía mover nin un metro para dentro que non respiraba", explica a muller.
Cando o conseguiron, os tres foron evacuados e trasladados ao hospital por inhalación de fume. Os servizos de emerxencias conseguiron extinguir o lume, que calcinou unha lavalouzas da cociña.
"Se vemos fume nun corredor non podemos evacuar por aí. O que temos que facer é confinar e tratar de pórlle barreiras a ese lume, é dicir, irnos confinando nunha zona máis exterior do lume e abrir unha ventá ou saír ao balcón", confirma David Padín, sarxento dos Parques de Bombeiros do Salnés.
Tres intoxicados pola mala combustión dun electrodoméstico na Coruña
Ocorreu pasada a medianoite nunha vivenda situada na rúa Julio Montero, en Oza. Os seus ocupantes alertaron o 112 da presenza de tres persoas mareadas no interior do inmoble.
Cando chegaron os Bombeiros confirmaron que se trataba dunha mala combustión. Descoñécese se o incidente se produciu na caldeira ou nunha estufa de gas butano. Os afectados foron evacuados a un centro hospitalario.