Ata o 31 de outubro queda prohibida a pesca do choco na ría de Arousa
Os informes técnicos constatan que a partir do mes de xuño a porcentaxe de exemplares xuvenís capturados "increméntase nun 80 % respecto a meses anteriores"

A veda de captura de choco na ría de Arousa esténdese desde este luns, 31 de xullo, ata o 31 de outubro, ambas as xornadas inclusive, segundo figura na resolución que a Consellería do Mar publica este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Durante este período queda prohibida tanto a pesca para a baixura como a de recreo. Ademais, as capturas accidentais deberán ser devoltas ao mar. Desta maneira, queda prohibida "a captura, tenza a bordo, transbordo, comercialización ou venda desta especie", incide a Xunta.
Así mesmo, apunta que os informes técnicos constatan que a partir do mes de xuño a porcentaxe de individuos xuvenís capturados "increméntase nun 80 % respecto a meses anteriores", en que se recomenda limitar o emprego das diferentes artes de pesca nas zonas máis interiores das rías.
Con esta decisión búscase instaurar e regular as medidas dirixidas á "conservación e a explotación responsable, racional e sostible dos recursos mariños vivos", un obxectivo establecido pola Lei de Pesca de Galicia.