Publicador de contidos

Publicador de contidos

Así son en galego os nomes das principais vilas e cidades de Ucraína

Así son en galego os nomes das principais vilas e cidades de Ucraína

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega aprobou as adaptacións de varios topónimos de Ucraína

A capital do país é Kíiv, e tamén se debe empregar Khersón ou Khárkiv

Os Servizos Informativos da CRTVG xa viñan empregando así a maioría destes termos

Mapa de Ucraína coas principais poboacións do país Mapa de Ucraína coas principais poboacións do país
G24.gal 08/03/2022 10:40

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG) aprobou na súa última xuntanza as adaptacións de varios topónimos de Ucraína. Fíxoo seguindo as recomendacións internacionais e, evidentemente, a necesaria transliteración dende o alfabeto cirílico da lingua ucraína. Así, por exemplo, acordouse empregar Kíiv para o caso da capital do país, xa que é a forma máis adaptada ao sistema vocálico galego, tendo en conta a súa denominación oficial ucraína.

O nome da capital de Ucraína difundírase internacionalmente a través da adaptación rusa, Kiev. Pero "tras a independencia desta antiga república soviética, o Goberno ucraíno promove para os usos internacionais Kyiv, un exónimo baseado nun sistema de transliteración que parte da pronuncia autóctona do nome", explican desde a RAG.

Esta solución foi recoñecida polo grupo de expertos en nomes xeográficos da Organización das Nacións Unidas (ONU) e é na que se basea Kíiv, adaptada ao sistema ortográfico galego, para posibilitar que se poida ler sen problemas.

Outros topónimos ucraínos translitéranse ao uso internacional co dígrafo <kh> para representar o son fricativo velar xordo, /x/, ausente do sistema consonántico galego, explican desde a Real Academia Galega. Nestes casos, din, proponse seguir a grafía internacional pero empregando o sistema de acentuación da lingua galega, para facilitar a lectura de topónimos como Khersón e Khárkiv

O Seminario de Onomástica tratou tamén a forma de denominar outras localidades de Ucraína como Lviv. Este é o nome oficial dunha cidade que foi coñecida historicamente en varios países europeos coa súa tradución ao grego, Leópolis (así se lle chamou en italiano, portugués ou castelán). A RAG considera correctas en galego as dúas formas.

Outros topónimos que foron tratados, algúns dos cales xa constan no Dicionario da RAG, son Belarús, admitindo como xentilicios belaruso/belarusa, bielorruso/bielorrusa, Mariupol, Luhansk, Donbás, río Dniéper, río Donets, Donetsk (cidade), Sebastopol, Odesa, República Moldova, e os xentilicios moldovo/moldova. 

Como criterio xeral, o Seminario de Onomástica da RAG "segue as recomendacións do grupo de expertos en nomes xeográficos da Organización das Nacións Unidas (ONU), baseadas no respecto ás formas de cada topónimo na súa lingua orixinal".

Non obstante, di a RAG, "non sempre é posible facelo, debido á existencia de formas históricas na tradición de cada lingua ou a problemas de transliteración cando os nomes proceden, como sucede cos ucraínos, dunha lingua que se escribe con caracteres diferentes".

Cando iso ocorre, desde a Academia explican que se procura manter a coherencia das solucións propostas e ter en conta a harmonía coas linguas veciñas e internacionais, e mais a lexibilidade para a comunidade galega.

Nos Servizos Informativos da CRTVG, dende o comezo do conflito, e dadas as dúbidas xurdidas en moitos casos, especialmente entre as cidades e vilas menos coñecidas, o departamento de Asesoramento Lingüístico xa se decidira por empregar moitas destas formas agora recomendadas pola Real Academia Galega.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade