España comprará armamento aos EUA para fornecerllo a Ucraína xunto a outros aliados
Sánchez, quen conversou este martes con Zelenski, asegura que España se incorpora a este programa tras "unha proposta que lanzou a OTAN hai unhas semanas" e "estudar cales son as compras conxuntas que podemos facer"

España vaise sumar á iniciativa da OTAN para fornecer armamento a Ucraína mediante a compra do mesmo aos Estados Unidos, segundo confirmaron este xoves o presidente español, Pedro Sánchez, sen que polo momento non ofreceron máis detalles nin concretado o monto.
Á súa chegada ao cumio do Consello de Europa, en Bruxelas, Sánchez explicou que "é unha proposta que lanzou a OTAN hai unhas semanas e estivemos estudando cales son as compras conxuntas que podemos facer" e "manifestamos, como lle dixen ao presidente Zelenski, que nos íamos incorporar a este programa".
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, conversou este martes co presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, a quen xa trasladou que España seguiría "entregando axuda coordinados con Ucraína para asegurar que é o que necesita en cada momento", explican desde a Moncloa.
España estará entre a "ampla maioría" de países da OTAN que van contribuír á iniciativa PURL (Lista de Requirimentos Prioritarios para Ucraína) despois de que Kíiv solicitara aos aliados "axuda adicional para protexer as súas cidades e infraestruturas enerxéticas dos bombardeos rusos".
O PURL é un mecanismo que permitirá aos estados membros unir recursos e adquirir con eles o equipamento que Ucraína necesita e que actualmente se produce principalmente nos Estados Unidos, explicaron as fontes.
España estará nesta iniciativa "fieis ao noso compromiso de axudar ao pobo ucraíno o tempo que sexa necesario", ata que o presidente ruso, Vladimir Putin, "deteña a súa agresión cruel e ilegal e alcáncese unha paz xusta e duradeira", recalcaron desde Moncloa.