Espectadores sen medo no Curtas Festival do Imaxinario en Vilagarcía
É o maior evento dedicado ao cine fantástico e de terror en Galicia
Proxéctanse máis de 150 filmes e hai exposicións paralelas, encontros e obradoiros
A unha semana do samaín, Vilagarcía é xa territorio de cine de terror e fantástico. O Curtas Festival do Imaxinario arrincou o venres cun clásico alemán de 1924, precursor do cine de terror moderno, As mans de Orlac.
Esta sábado pola mañá a sala Antón Rivas Briones abría de novo, nesta edición número 53 do Curtas, cunha chea de actividades e máis de 150 proxeccións que se desenvolven ata o día 2 de novembro.
"Temos as películas máis 'hardcore' para o fan máis acérrimo, temos películas máis familiares, exposicións como esta de Marvel para o máis 'mainstream' e logo temos a dos monstros para os máis atrevidos. Moitas das películas en estrea galega como mínimo, moitas outras en estrea nacional, europea ou mundial", asegura Luís Rosales, director do festival.
La casa en el árbol levou esta tarde os espectadores ao bosque de Zeánuri en busca dun depredador.
"A xente quedou totalmente mirando a pantalla, que era o que esperabamos e temos moitas ganas de ver opinións porque se fixo con moito cariño", di María Rivera, a produtora.
Ás nove e media, proxéctase a tensión dunha colección de cintas de vídeo de Halloween, V/H/S Halloween, onde se loita pola supervivencia entre trucos e tratos de historias enrevesadas.