Asaltos en varias igrexas da comarca de Noia
Denuncian asaltos e roubos en igrexas de Noia, Lousame, Outes e Porto do Son
Levaron uns 30 euros de botín, pero causaron cuantiosos estragos
Os asaltantes entraron en máis de media ducia de igrexas de Noia, Lousame, Outes e Porto do Son. O párroco de Noia, José Ortoño, cre que viñan buscando cartos, porque non roubaron obxecto ningún.
A peor parada foi a ermida de San Roque en Lousame, onde rebentaron a porta, revolveron a sancristía e roubaron os donativos que había no peto. "Levaron trinta ou corenta euros", calcula Ortoño, que di que o peor foron os danos causados nas portas, que "poden ir a 2.500 ou 3.000 euros".
Cre que os asaltantes actuaron de noite, porque os veciños non escoitaron nin viron nada. Agás en Santa María de Barro en Noia, onde si advertiron movementos sospeitosos arredor das dúas da mañá do domingo.
"Unha moza e dous rapaces andaban por aquí dando voltas, coa hora que era pareceume sospeitoso", conta o veciño que os viu. Á mañá seguinte decatáronse de que tentaran forzar a porta da igrexa, malia que non conseguiron entrar.
Outro asalto produciuse na capela noiesa de San Bernardo, onde entraron á sancristía por unha pequena fiestra. "É unha ventá moi estreita, cáusanos estrañeza que puidesen entrar por ela", di o párroco, José Ortoño. "Tivo que ser unha persoa pequena, de pouco volume", sospeita.
Xa presentaron denuncia na Garda Civil, que investiga os feitos.